Trala pegada dos normandos

Un percorrido pola costa do Vicedo lévanos ata a praia de Area Grande ou San Román, onde nun promontorio coñecido co nome de Os Moutillóns atopáronse os restos dun posible asentamento viquingo permanente, por agora único na Península Ibérica.

Nesta praia, onde unha  mota ou elevación dá orixe á toponimia do lugar, consérvase o que parece ser unha estrutura defensiva complementada cunha posible muralla e un foso. Esta construción, que foi probablemente levantada durante un curto espazo de tempo e destinouse a unha estancia provisional, compleméntase coa defensa natural que proporcionan dúas impoñentes rocas coñecidas como os castelos, cuxa disposición puido favorecer a existencia dun porto natural.

Algúns estudos arqueolóxicos recentes en San Román sacaron á luz evidencias dunha ocupación deste lugar que se remonta ao século III a.  C., estendéndose ata a Idade Media. Ademais, o achado de áncoras de sílex e lastres medievais devoltos á terra despois de temporais, fan pensar que a costa lucense aínda garda múltiples misterios por descubrir.

En Galicia, durante a época  altomedieval documentáronse catro ataques e numerosas incursións normandas realizadas con fins de saqueo. Precisamente, no veciño municipio de Foz atópase a basílica de San Martiño, que puido ser un obxectivo máis que apetecible para os viquingos. É aquí onde ten o seu escenario a popular lenda do afundimento das naves  normandas, milagre que se atribúe á intercesión de San Gonzalo, o Bispo Santo, quen ante un inminente ataque que ía ser perpetrado polos tripulantes de tres embarcacións, subiu ao alto da Grela para contemplar a súa aproximación á costa e, coas súas oracións, conseguiu provocar unha tempestade que acabou coa naves, salvando ás terras focenses dun ataque seguro.

O pasado  normando da Mariña Lucense rememórase anualmente coa celebración da Romaxe Viquinga no Vicedo e coa festa  normanda de Foz, durante a que se representa a lenda de San Gonzalo, dúas citas xa imprescindibles na axenda estival da provincia de Lugo.

 

Normandos