Mondoñedo: un dos pobos máis bonitos de España
Situada na comarca da Mariña Central, a cidade de Mondoñedo pode considerarse unha das xoias da Galicia interior. Sede Episcopal desde o ano 1112 e capital de provincia do Antigo Reino de Galicia ata 1833 , o Conxunto Histórico Artístico de Mondoñedo prézase de conservar un rico patrimonio cultural que se mantivo ata os nosos días en bo estado de conservación permitíndonos realizar un percorrido polas etapas de maior esplendor da historia de Galicia. E é que camiñar polas súas rúas é sinónimo de viaxar no tempo.
A nosa proposta de visita comeza pola Catedral – Basílica da Asunción, compendio de estilos artísticos e elemento que condicionou o trazado urbanístico da cidade, converténdose no lugar onde todo xorde e conflúe á vez. Desde aquí aproximarémonos aos outros fitos de referencia no patrimonio mindoniense: o pazo episcopal, a fonte vella, o Seminario Conciliar de Santa Catalina, os restos da antiga muralla medieval, os conventos de Alcántara e as Concepcionistas, a alameda dos Remedios, co seu santuario barroco e o Hospital de San Pablo, o cemiterio vello ou o barrio artesán dos Muíños.
Moi preto de Mondoñedo álzase o Convento dos Picos, co seu singular vía crucis, e un extraordinario patrimonio arqueolóxico no que destaca o castro de Zoñán. Igualmente, na parroquia de Argomoso atópase un dos prodixios xeolóxicos de Galicia: a cova do Rei Cintolo, a máis grande explorada ata agora na Comunidade Autónoma.
Mondoñedo tamén se pode percorrer da man de ilustres fillos que conseguiron dar á cidade unha dimensión histórica e cultural propia: o Mariscal Pardo de Cela, Álvaro Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga ou os poetas formados no Seminario de Santa Catalina, que representan a toda unha xeración de literatos.
Pero Mondoñedo é tamén Camiño de Santiago. A ruta do norte atravesa esta cidade nunha das súas máis coñecidas etapas. Declarado Patrimonio da Humanidade en 2015 xunto coa Catedral- Basílica, o Camiño conseguiu dar a Mondoñedo unha proxección que apoiou o recoñecemento mundial aos seus valores histórico- artísticos.
Desde o ano 2018 Mondoñedo forma parte da asociación de pobos máis bonitos de España por ser un exemplo de recuperación do patrimonio histórico, do fomento do seu coñecemento, conservación e mantemento da herdanza dos seus devanceiros.