A Fonsagrada, o municipio máis extenso de Galicia

Os máis de 438 Km2 de superficie do municipio da Fonsagrada, ademais de situalo de primeiro no ranking de municipios galegos de maior extensión, acollen un inmenso e exuberante espazo natural salpicado por pobos de montaña de gran valor etnográfico onde o tempo parece transcorrer ao seu propio ritmo.

Integrada na Reserva da Biosfera Eo-Oscos e Terras de Burón e limitando con Asturias, A Fonsagrada conserva un patrimonio singular: a auga dos tributarios do Eo, as súas fervenzas ou seimeiras como a de Vilagocende, os enxeños hidráulicos ou a arquitectura popular fálanos dunha natureza á que os veciños souberon adaptarse á perfección. Mostra diso é tamén a súa gastronomía, que fai gala de pratos contundentes que proporcionan a enerxía necesaria para superar os duros invernos que caracterizan á montaña lucense. Embutidos como o butelo, cocidos ou o tradicional pastel da Fonsagrada son algúns dos produtos que marcan un estilo de vida auténtico e arraigado na tradición.

A Fonsagrada é ademais o municipio cuxa capital se atopa a maior altitude sobre o nivel do mar en Galicia (952 metros). O seu topónimo deriva de Fons Sacrata, en alusión ás propiedades milagreiras da fonte onde xa os peregrinos medievais acougaban a súa sede despois de superar a dura entrada en Galicia polo mítico Alto do Acevo.

A Fonsagrada é sinónimo de Camiño de Santiago. O Camiño Primitivo, declarado Patrimonio da Humanidade desde o 2015, é o fío condutor en torno ao que se sitúan algúns dos elementos máis destacados do seu patrimonio: o antigo hospital de  Fonfría, a igrexa de Santa María Magdalena, numerosas capelas, o Museo Comarcal da Fonsagrada, A Proba de  Burón, unha antiga capital municipal situada hoxe nunha variante do Camiño e que conserva os restos do seu torreón medieval e as súas rúas, bautizadas con nomes de líderes comunistas; o dolmen de Montouto, o antigo hospital de peregrinos ou a igrexa de San Xoan de Paradavella, ademais dos múltiples exemplos de arquitectura popular que salpican o Camiño son algúns dos máis destacados elementos que actúan como nexo entre o pasado e o presente.

 

Vilagocende