O Colexio do Cardeal: a herdanza dun mecenas
O Colexio do Cardeal, Nosa Señora da Antiga ou o Colexio dos Pais Escolapios foi fundado polo Cardeal Rodrigo de Castro, iniciándose as súas obras no ano 1593 e finalizando no século XX. Este mecenas de gran formación humanística converteuse así nun dos grandes benefactores de Monforte, onde deixou un dos expoñentes da arquitectura renacentista galega. Trala súa morte, a súa herdanza pasou de xeración en xeración á casa de Alba, que no século XIX doou o edificio aos Pais Escolapios, encargados de finalizar a obra.
Construído en estilo herreriano, o Colexio é obra de arquitectos seglares e xesuítas, cuxa pegada é perfectamente recoñecible en determinados elementos do edificio. O resultado da obra, así como o seu encadre artístico, fan que este edificio fose comparado co mosteiro de San Lourenzo do Escorial.
A impoñente estrutura do Colexio do Cardeal móstranos un edificio de soberbias proporcións, dominado pola horizontalidade e a simetría do conxunto. Unha harmonía que só se mostra interrompida polo ritmo arquitectónico que marca a fachada da igrexa, único elemento que imprime certa verticalidade na construción.
No que respecta á súa distribución, no edificio destacan os dous claustros e a igrexa, con planta de cruz latina e cruceiro coroado por cúpula de media laranxa sobre pechinas, trazo característico da arquitectura xesuítica. No interior da igrexa sobresae o retablo maior, obra barroca de Francisco de Moure realizada en talla de madeira sen policromar e, á súa esquerda, atópase a estatua orante de bronce do Cardeal, obra de Juan de Bolonia. No interior da igrexa están tamén as capelas das reliquias e do Santo Cristo, así como unha réplica dunha obra orixinal de Van der Goes que inicialmente ocupou este lugar e que se vendeu para sufragar os gastos de finalización do edificio.
Entre os elementos arquitectónicos do edificio atopamos unha escaleira de mármore de tres tramos con chanzos dunha peza. Igualmente, o Colexio do Cardeal é coñecido pola súa extraordinaria pinacoteca, que acolle, ademais de obxectos persoais do propio Rodrigo de Castro, dúas obras do Greco (A Aparición da Virxe co Neno e San Lourenzo e San Francisco e Frei León meditando sobre a morte); cinco táboas de Andrea do Sarto, dúas obras da Escola Compostelá e o retrato do Cardeal, obra de Francisco Pacheco.