Candaz: o castro mergullado
Nun inexpugnable promontorio situado no corazón do Miño, na ladeira do municipio de Chantada, álzase o castro de Candaz. Este antigo poboado fortificado foi fundado polo cónsul romano Lucio Cambero, quen alí se retiraría tras a súa derrota contra as tribos indíxenas. A súa estratéxica situación, moi afastada doutros poboados e cun único acceso por terra, aproveitaba as condicións naturais para proporcionar aos seus habitantes unha estancia segura neste lugar.
Durante a Idade Media, o castro tivo unha evolución similar á doutros contemporáneos, xa que sobre os seus restos construíuse unha fortaleza que aproveitaría as boas condicións xeográficas que motivaran no seu momento a construción do castro con fins defensivas. Derrubada durante as Revoltas Irmandiñas no século XV e reconstruída posteriormente pola familia Taboada, actualmente consérvanse parte dos cimentos e muros da súa estrutura, aínda que os seus materiais probablemente foron reaproveitados para a construción dos bancais de vides que acaparan a península e se superpóñen aos restos anteriores.
Candaz converteuse en datas recentes nun dos lugares de visita obrigada na Ribeira Sacra debido ao atractivo que supón o feito de que parte do ano se atope cuberto polas augas do Miño debido á forte oscilación de caudal que o encoro de Belesar presenta en determinadas épocas.
O acceso ao castro faise a pé, seguindo un percorrido de aproximadamente un quilómetro desde o lugar de Xillán, onde se debe aparcar o coche e camiñar entre vides para descubrir un dos numerosos exemplos da memoria a que atesouran os ríos da Ribeira Sacra.