Rede de Turismo Científico Montañas de Ancares e Courel

Actividades permanentes

Proxecto EXPLORER: Ciencia Cidadá

Ciencia cidadá

http://biodiversidade.eu/proxecto/explorer-montanas-de-ancares-e-courel/

EXPLORER é un proxecto de ciencia cidadá impulsado pola Deputación de Lugo en colaboración con ObserverScienceTourism.com e vinculado aos espazos de interese científico recollidos na guía turística: Roteiros da Ciencia nas Montañas de Ancares e Courel.

Este proxecto de ciencia cidadá ten como obxectivo principal recoller información sobre a biodiversidade nas montañas de Ancares e Courel, e nos seus territorios limítrofes.

A Guía de Turismo Científico Roteiros da Ciencia nas Montañas de Ancares e Courel inclúe 50 puntos de interese nos campos da xeoloxía, botánica, zooloxía, ecoloxía e etnografía. Vencellados aos mesmos propoñemos a participación de cidadáns cientistas que poidan achegar observacións das especies que atopen, ou mesmo descubran, nos seus percorridos por estas extraordinarias e singulares montañas lucenses.

Ampliar o catálogo de flora e fauna deste territorio, delimitar a distribución das especies, definir a  fenoloxía da floración e frutificación e observar a súa evolución no tempo, avaliar o estado das ameazas sobre as especies máis fráxiles, son datos que agardamos poderán ser extraídos no futuro, grazas a participación de centos de visitantes.

A plataforma biodiversidade.eu é un punto de partida que pode ser complementado con actividades dirixidas explicitamente a solicitar datos concretos. Este tipo de actividades poderán incluír no futuro descubertas da biodiversidade, tamén chamados "Bioblitzs", con público, para inventariar con expertos en cada temática, a biodiversidade dos distintos puntos de interese da Guía de Turismo Científico.

Tamén poderán ser expostos proxectos no curriculum académico dos centros de ensino da área territorial que abrangue os 16 concellos pertencentes ao acreditado DESTINO DE TURISMO CIENTÍFICO, e que recolle a Guía que tomamos de referencia.

Porén, o máis importante é que se trata dun proxecto público é aberto á participación de todas as persoas que queiran descubrir con maior detalle a riqueza que ofrecen as montañas de Ancares e Courel, converténdose en actores da divulgación a través do aporte dos seus datos.

Este proxecto participativo de ciencia cidadá quere ser un punto de encontro entre científicos, naturalistas e xestores destes espazos, para contribuír á mellora do coñecemento sobre os recursos naturais do territorio e, á fin, a adopción de medidas de xestión axeitadas para a súa valorización e conservación.

 

Programacións temporais