Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo acolle un encontro para concellos da provincia sobre os plans do Estado en materia de turismo

turismo
secretaria de estado de turismo
O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, presidiu o encontro, no que a Secretaria de Estado de Turismo, Ana Rosana Morillo Rodríguez, anunciou, acompañada do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, os novos plans do Ministerio e as axudas e subvencións de Patrimonio Cultural (BIC)

Tomé Roca abriu a reunión destacando que “Lugo é unha provincia comprometida co turismo sostible” e sinalou que conta cunha oferta “capaz de atraer ó turismo de proximidade e coa capacidade de competir nos grandes circuítos”

O encontro celebrado hoxe forma parte da “comunicación fluída” recuperada por este Goberno para a provincia e “demostra, unha vez máis o compromiso que o Executivo de Pedro Sánchez mantén con este territorio”, destacou o Presidente
Xornada informativa coa Secretaria de Estado de Turismo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este mércores  no Pazo de San Marcos un encontro informativo para os concellos da provincia coa Secretaria de Estado de Turismo, Ana Rosana Morillo Rodríguez, sobre os novos plans do Ministerio e as axudas e subvencións de Patrimonio Cultural (BIC) das que se poden beneficiar as entidades locais. Na xornada, que tivo lugar pola tarde no Salón de Actos, tamén participou o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e asistiron alcaldes e alcaldesas, así como concelleiros e técnicos municipais que traballan no eido turístico.

 O obxectivo da reunión foi explicar de primeira man a terceira convocatoria extraordinaria dos Plans de Sostibilidade Turística en Destinos do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ademais doutros programa de axudas e subvencións para os patrimonios catalogados como Ben de Interese Cultural (BIC), que servirán para potenciar os recursos turísticos dos concellos. 

Tomé Roca salientou na súa intervención que “Lugo é unha provincia comprometida co turismo sostible”. Un modelo polo que se aposta desde a Deputación de Lugo, cada vez máis concellos do territorio e que consolidou plans de turismo en comarcas como a Ribeira Sacra e A Mariña.

Nese sentido, o Presidente sinalou que “temos máis do 80% do territorio recoñecido como Reserva da Biosfera” e que se trata de ter en conta esa realidade para buscar sinerxías, “de modo que turismo e medio ambiente se retroalimenten, actuando un en favor do outro, medrando xuntos”. Explicou que o turismo polo que aposta a institución provincial “converte o contacto coa natureza e a súa preservación nun factor fundamental. Un turismo non masificado, sostible, de experiencias, que busca atraer un fluxo continuo de visitantes ó longo de todo o ano. Unha oferta capaz de atraer ó turismo de proximidade, pero tamén coa capacidade de competir nos grandes circuítos nacionais e internacionais”.

“Combinamos as tradicións e o patrimonio cultural coa gastronomía, pero atendemos tamén ás novas posibilidades como o turismo ligado ás rodaxes cinematográficas”, expuxo o Presidente.

Enmarcou o Presidente este encontro celebrado en Lugo dentro da “comunicación fluída” recuperada por este Goberno para a provincia e sinalou que “demostra, unha vez máis o compromiso que o Executivo de Pedro Sánchez mantén con este territorio”. “Este Goberno volveu poñer a nosa provincia na axenda política deste país, cunhas inversións de entidade histórica no terreo das infraestruturas ferroviarias e de estradas e con numerosas medidas de protección social que benefician de xeito directo e moi importante ós nosos veciños e veciñas”, valorou.

478M€ para proxectos turísticos
A Secretario de Estado de Turismo, Ana Rosana Morillo, presentou en San Marcos a terceira convocatoria extraordinaria dos Plans de Sostibilidade Turística en Destinos dotada con 478M€ procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. 
Morillo animou aos concellos da provincia a que presenten as súas iniciativas, incluso aquelas que non foron beneficiarias nos anteriores plans, porque “esta é unha oportunidade que non se pode desaproveitar”.  

As entidades locais que queiran optar a estes fondos deberán presentar os seus proxectos ante a Secretaría de Estado de Turismo ata o 6 de marzo. 

Ademais, tamén explicou as axudas para potenciar os bens para a rehabilitación de Patrimonio Cultural (BIC) das que se poden beneficiar ás entidades locais e avanzaron que as axudas de mellora da competitividade e de dinamización do Patrimonio Histórico estarán a disposición dos concellos.