Pantón e Sober centran as actividades do programa Actívate da Deputación esta fin de semana

O vindeiro martes ábrese o prazo para dúas novas actividades gratuítas: Baños de bosque nos Ancares, en Cervantes, e En bici pola Vía Verde e montes na vila dos Fornos, que acollerá o municipio da Pontenova
A Deputación de Lugo continúa co programa Actívate, que inclúe actividades gratuítas para todos os públicos co fin de promover o turismo activo, científico e mindfulness nos concellos da provincia e contribuír deste xeito á recuperación deste sector, que resultou dos máis prexudicados polas restricións á mobilidade da Covid-19. Este sábado, a comarca da Ribeira Sacra acolleu a ruta Sendeirismo na fervenza de Augacaída, que congregou a persoas de todas as idades para desfrutar da natureza. O domingo será a quenda da actividade Entre viñedos ao carón do Sil, no municipio de Sober.
O programa inclúe diferentes actividades gratuítas ao longo da xeografía durante todas as fins de semana de maio e xuño. O programa Actívate comezou a primeiros de maio con barranquismo, no concello de Folgoso do Courel, un curso de Iniciación aos cogomelos de primavera, no Incio, unha ruta ornitolóxica, en Cospeito e un percorrido de sendeirismo por Triacastela.
Todas as iniciativas esgotan as prazas ao pouco de se abriren os prazos de inscrición, o que dá boa mostra da boa aceptación que a veciñanza da provincia lle está dando ao programa Actívate da Deputación.
As persoas interesadas en participar nas próximas iniciativas deste programa poden inscribirse na páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/activate. Para máis información poden chamar ao teléfono 982.260.011 ou enviar un correo electrónico a atuaprovincia@deputacionlugo.org.

Próximas actividades
MAIO
- 22 de maio: O Courel, onde as forzas xeolóxicas dobraron as montañas, en Quiroga (Prazas esgotadas)
- 23 de maio: Iniciación ao Ioga, en Mondoñedo
- 29 de maio: Baños de bosque nos Ancares, en Cervantes
- 30 de maio: En bici pola Vía Verde e montes na vila dos Fornos, na Pontenova
XUÑO
- 5 de xuño: Os increíbles ceos do Xistral, en Muras. Esta actividade, ao tratarse dunha actividade nocturna pode variar de data en función da normativa sanitaria vixente.
- 6 de xuño: Aventura no Castro de Viladonga, en Castro de Rei
- 12 de xuño: Sendeirismo Castelo de Pambre e torrentes do Mácara, Palas de Rei
- 13 de xuño: Surfeando na costa da Mariña, en Foz
- 19 de xuño: Introdución ao Tai Chí, en Guntín
- 20 de xuño: Descubrindo as pegadas da fauna, na Fonsagrada
- 26 de xuño: Sendeirismo na Mariña occidental, no Vicedo
- 27 de xuño: Kaiak no río Eo, en Trabada