Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación adquire unha segunda remesa de parcelas para crear en Antas de Ulla o Parque Central de Galicia

José Tomé Roca
Antas de Ulla
parque central de Galicia
O Presidente, xunto á Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, asinou este martes no pazo de San Marcos ante notario a escritura de compra venda de 4 novas fincas, que contan cunha superficie conxunta de case13.000 m2

José Tomé avanzou que en breve a institución provincial formalizará a compra da sexta e última parcela que falta para, a continuación, redactar o proxecto de acondicionamento e posta en valor dun gran espazo público de lecer e natureza no centro xeográfico de Galicia que dinamizará a economía e o emprego de Antas
A Deputación adquire unha segunda remesa de parcelas para crear en Antas de Ulla o Parque Central de Galicia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asinou este martes, no pazo de San Marcos, ante notario a escritura de compra venda dun segunda remesa de parcelas, a máis grande en superficie, para crear en Antas de Ulla o Parque Central de Galicia e cumprir así co compromiso da institución provincial cos veciños e veciñas da localidade. Concretamente, as parcelas adquiridas no día de hoxe son 4 fincas, cunha extensión conxunta de 12.899 m2.

José Tomé explicou que en breve a institución provincial formalizará a compra da sexta e última parcela necesaria para materializar este proxecto. De feito, afirmou que a venda xa está acordada e para a súa formalización tan só queda que os propietarios da finca resolvan cuestións relacionadas con herdanzas familiares. En total, son uns 120.000 euros os que a Deputación inviste para a compra das seis fincas

Deste xeito, o Parque Central de Galicia que acondicionará a Deputación en Antas de Ulla contará con seis parcelas cunha extensión total de 20.466 metros cadrados. A primeira finca adquiriuna no mes de xuño e conta con 4.343 metros cadrados; as catro que comprou hoxe teñen unha superficie conxunta de case 13.000 metros; e a última pendente, de 3.220 metros cadrados. 

Unha vez comprada esta última parcela, a continuación a Deputación redactará o proxecto de acondicionamento e posta en valor deste gran espazo público de lecer e natureza no centro xeográfico de Galicia, situado no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, que dinamizará o emprego e a economía do municipio de Antas de Ulla e do conxunto da provincia. A previsión da institución é ter a actuación rematada no 2022.

Neste lugar levantarase un monolito que fará referencia ó centro xeográfico de Galicia, así como un pequeno edificio, integrado no entorno, para poder desenvolver actividades, eventos e xornadas culturais. Todo isto, rodeado dun parque público para que os veciños e veciñas de Antas, así como os visitantes ao concello poidan desfrutalo. 

“Este ambicioso proxecto suporá un revulsivo turístico e económico para a comarca da Ulloa e para o resto da provincia, enmarcado no forte compromiso da Deputación polo reequilibrio territorial e a fixación de poboación no entorno rural, creando novos postos de traballo e dinamizando a actividade económica. Estamos traballando para que o proxecto estea rematado entre finais do 2021 e principios do 2022”. 

O mandatario provincial subliñou que co Parque Central de Galicia “poremos en valor o patrimonio natural e paisaxístico do enclave, ao tempo que axudará a promocionar dita zona, converténdoa nunha nova atracción turística da nosa provincia”.