Iconas da arquitectura relixiosa lucense

Monasterio de Samos

Mosteiro de San Xulián de Samos

Con orixes no século VI, Samos está considerado un dos mosteiros máis antigos de occidente. Situado ao pé do Camiño Francés de Santiago, o edificio foi construído inicialmente en estilo románico, aínda que a obra actual apenas garda reminiscencias das súas orixes, que deixaron paso a un grandioso monumento onde adquire protagonismo o seu templo do século XVIII e os seus dous claustros: o claustro menor ou das Nereidas, do século XVI e o claustro maior, construído no século XVII e coñecido como o do Padre Feijoo, que está considerado un dos máis grandes de España. Moi próxima ao mosteiro atópase a capela do Salvador, construída en torno ao ano 1000 en estilo mozárabe e que popularmente se coñece como “capela do ciprés”, debido a un exemplar de 25 metros de altura desta especie situado xunto ao monumento.

Coordenadas: 42°43'56.8" N 7°19'33.4" W

 

Vilar de Donas

 

San Salvador de Vilar de Donas (Palas de Rei)

Este templo pertenceu á Orde de Santiago, que tiña como misión a protección e vixilancia do Camiño Francés. Situado nas proximidades da ruta xacobea, trátase dun dos edificios máis representativos do románico galego. En canto ao seu deseño, presenta planta de cruz latina e unha cabeceira con tres ábsidas. Entre os elementos do seu interior destacan os sepulcros dos cabaleiros da Orde de Santiago e os frescos góticos da ábsida onde se representan escenas como Cristo Varón de Dores entre os Reis Juan II e María de Aragón e o seu fillo Henrique, unha Anunciación e o Xuízo Final.

Coordenadas: 42°53'33.8" N 7°48'35.7" W

 

San Pedro Fiz de Hospital

 

San Pedro Fiz de Hospital do Incio

San Pedro Fiz foi construída entre finais do século  XII e comezos do  XIII en estilo  románico. Situada na antesala das montañas do Courel, da edificación orixinal consérvase un impoñente conxunto formado pola igrexa parroquial, o campanario exento e o antigo hospital. O exterior do templo destaca pola súa sobriedade construtiva e ornamental destacando a portada, enmarcada por  arquivoltas e columnas monolíticas coroadas por capiteis con decoración vexetal. O  tímpano contén unha representación da cruz de Malta, emblema da Orde  Sanxoanista. No interior da igrexa, a súa única nave está rematada por unha ábsida á que se accede traspasando o arco triunfal de medio punto. Nun dos seus laterais consérvase unha representación da crucifixión de Cristo realizada en pedra e datada do século VI. Entre as imaxes da igrexa destaca unha Virxe co Neno do século  XIV e unha talla de Cristo Crucificado de finais do século  XIII ou principios do  XIV. A igrexa acolle tamén un  arcosolio onde se atopa o enterramento de Frei Alonso de Quiroga,  comendador do Priorado de Portomarín.

 

Santa María La Real

 

Santa María A Real do Cebreiro

É o templo máis antigo do Camiño de Santiago e enmárcase no estilo prerrománico. Trátase dunha robusta construción con escasos vans e por tanto adaptada ás condicións climatolóxicas da montaña lucense. Forma un interesante conxunto co antigo hospital de peregrinos que se atopa ao seu carón e que foi fundado no século IX polo monxe San Giraldo de Aurillac. No interior do santuario do Cebreiro expóñense as reliquias dun milagre que segundo a lenda tivo lugar en torno ao ano 1300 e que conta como o viño e o pan convertéronse en sangue e carne durante o ritual da consagración en presenza dun devoto veciño de Barxamaior.

Coordenadas: 42°42'29.6" N 7°02'36.3" W

Monasterio de Ferreira de Pallares

Mosteiro de Ferreira de Pallares (Guntín)

Foi fundado no século IX polo Conde Don Ero e a súa muller, probablemente sobre os restos dun cenobio anterior. Beneficiado pola nobreza ao longo da súa historia, a reforma monástica adoptada polos Reis Católicos fíxoo dependente de Samos ata a desamortización de Mendizábal, momento a partir do cal as dependencias monásticas sofren un progresivo deterioro, chegando ata os nosos días a igrexa parroquial. O templo presenta planta rectangular con nave única e ábsida semicircular cuberta por bóveda pétrea. Entre os elementos máis destacados do conxunto sobresaen o claustro renacentista, onde se atopa o sepulcro de Munio Peláez, os sepulcros dos Condes de Taboada, situados na actual sancristía; unha reixa do século XVIII que pertenceu ao mosteiro de Samos e restos de pinturas do século XVI.

Coordenadas: 42°54'09.6" N 7°40'40.5" W

Santa María de Meira

 

Santa María de Meira

Este mosteiro foi fundado no século XII, acadando un gran esplendor grazas ás doazóns da nobreza, de determinados monarcas e de particulares e ao feito de erixirse como reitor de mosteiros de gran relevancia na época, como é o caso do de Ferreira de Pantón. A partir do século XVI converteuse nun dos dous Colexios de Filosofía e Arte de Galicia. No século XIX, a invasión napoleónica e a Desamortización desembocaron na súa decadencia e destrución, permanecendo intacta ata os nosos días a igrexa parroquial. Desde o punto de vista artístico, trátase dun edificio que cumpre estritamente os cánones da arquitectura cisterciense, presentando planta de cruz latina, tres naves cubertas por bóveda pétrea e cinco capelas absidais. Desde a capela central accédese á recentemente restaurada sala das reliquias, onde poden verse pinturas do século XVII. Outros elementos destacados do conxunto son o sepulcro da benefactora María de Bolaño, diferentes portas de acceso a antigas dependencias do mosteiro, o característico rosetón da fachada e a súa portada principal, que conserva as ferraxes orixinais do século XIII.

O Mosteiro de Meira é o único mosteiro da provincia de Lugo adherido á Carta Europea de Abadías Cistercienses, na que figuran 200 abadías (12 delas españolas), pertencente ao Itinerario Cultural Europeo. 

Coordenadas: 43°14'03.8" N 7°17'31.4" W

San Martiño de Mondoñedo

 

San Martiño de Mondoñedo

O edificio que actualmente se conserva da antiga sede episcopal, considerada a catedral máis antiga de España, é a igrexa do antigo mosteiro, con elementos arquitectónicos dos séculos X, XI e XII. Encádrase no estilo románico inicial, aínda que é certo que certos vestixios reaproveitados na súa construción remontaríanse ao século VI.

O exterior do edificio debuxa un conxunto arquitectónico no que destaca a cabeceira, onde se adiviñan tres ábsidas suxeitas por robustos contrafortes e nos que destaca unha decoración realizada a base de pequenos arcos e axadrezado . O interior de San Martiño destaca por unha solemne sobriedade que converte ao edificio nun cofre con verdadeiros tesouros entre os que deben mencionarse as súas pinturas murais, as mellor conservadas de Galicia dentro do estilo románico; pasando polo seu retablo pétreo, as pezas do tesouro de San Gonzalo, o Bispo Santo, e a decoración dos seus capiteis historiados.

Coordenadas: 43°33'43.9" N 7°18'34.5" W

Convento de La Merced

 

Convento da Madalena (Sarria)

Situado no casco antigo de Sarria, este convento é un dos símbolos do Camiño Francés de Santiago. Fundado como hospital de peregrinos no século XIII e ocupado na actualidade pola Orde da Mercé, conserva diversos elementos de gran valor histórico-artístico como unha porta do claustro e un arco na capela do Santo Cristo; o rosetón, a capela maior, o claustro e nichos e sepulcros de estilo gótico manuelino, ademais da torre do século XVIII. Dentro da escultura, destaca o altar maior e a imaxe de San Agustín, obra do imaxineiro Gregorio Fernández.

Coordenadas: 42°46'43.9" N 7°25'16.9" W

Santiago de Barbadelo

 

Santiago de Barbadelo

Situada na etapa do Camiño Francés que une as localidades de Sarria e Portomarín, Barbadelo constitúe o prototipo de igrexa románica que pertenceu a un pequeno mosteiro. Construída no século XII, foi sometida a certas reformas, especialmente no século XVII, mantendo non obstante o seu aspecto románico. No conxunto do edificio destacan dous elementos principais: o seu característico torreón e a súa portada principal, que presenta capiteis decorados con motivos zoomorfos e antropomorfos e está rematada por un tímpano que acolle unha estraña figura de forma humana que probablemente pertenceu a un edificio anterior.

Coordenadas: 42°45'55.5" N 7°27'01.2" W

Iglesia de San Pedro (convento de San Francisco)

 

Franciscanos e Dominicos

A ordes mendicantes instaláronse nas principais cidades (xeralmente nas antigas zonas de extramuros) establecendo os seus conventos, dedicados á caridade para cos máis desfavorecidos e creando escolas e hospitais. Das fundacións orixinais consérvanse na provincia de Lugo destacados exemplos como San Francisco de Viveiro, os Conventos de Santo Domingo e a actual igrexa de San Pedro de Lugo (que pertenceu ao antigo Convento de San Francisco, cuxas dependencias hoxe están ocupadas polo Museo Provincial de Lugo) . De fundación franciscana orixinal foi tamén a actual igrexa de Santa María del Campo de Ribadeo e o Convento de Vilabade. A cronoloxía destes edificios data xeralmente do século XIV, sendo todos eles unha manifestación representativa da arte Gótica.

San Francisco de Viveiro: 43°39'48.4" N 7°35'39.6" W

Convento de Santo Domingo de Lugo: 43°00'43.5" N 7°33'25.5" W

Igrexa de San Pedro de Lugo: 43°00'41.8" N 7°33'30.8" W

Convento de las Concepcionistas

 

Convento das Concepcionistas (Viveiro)

Edificio do século XVIII fundado por expreso desexo de Dona Concepción de las Alas Pumariño, segundo fixo constar no seu testamento. Desde o punto de vista arquitectónico, destaca a portada e portalón de acceso á súa igrexa, único elemento aberto ao público do conxunto do convento, rexido por relixiosas de clausura que elaboran unha prezada repostería. Xunto ao seu acceso, no exterior, atópase unha réplica da gruta de Lourdes, construída en 1925 e onde acoden con gran devoción numerosos fieis que deixan neste lugar ofrendas e exvotos.

Coordenadas: 43°39'41.2" N 7°35'38.3" W

Valdeflores de Magazos


Valdeflores de Magazos (Viveiro)

Foi fundado como beaterio, adquirindo a condición de convento no século XV. Foi reconstruído no século XVIII conservando numerosos elementos do seu estilo gótico inicial. Entre os principais elementos que conserva no seu interior destacan unha imaxe pétrea de Santo Domingo e a imaxe de alabastro da nosa Señora de Valdeflores, que segundo a tradición sería atopada neste lugar, achádego que daría lugar á fundación do convento.

Coordenadas: 43°39'16.8" N 7°35'55.8" W

 

Clarisas de Ribadeo

Santa Clara de Ribadeo

Foi fundado no século XI como beaterio, adquirindo a condición e convento no século XIV. Ocupado durante a invasión napoleónica de 1809, o edificio foi destinado a hospital militar e máis tarde a albergue de beneficencia para enfermos transeúntes. Actualmente atópase habitado por relixiosas clarisas de clausura, sendo posible visitar a súa igrexa, formada por nave única separada da ábsida por un arco oxival. Igualmente, se se desexan adquirir os típicos doces elaborados polas relixiosas, pódese acceder á entrada do convento, onde se atopa o torno. Na porta de acceso ao mesmo consta unha inscrición en latín mandada poñer por Santa Clara en todas as súas fundacións e que reza “esta é a casa dos pobres”.

Coordenadas: 43°32'06.4" N 7°02'24.2" W

Santa María del Campo

 

Santa María do Campo de Viveiro

Situada na zona máis elevada do centro histórico, a súa contorna está declarada Conxunto Histórico- Artístico. Deste edificio románico do século XII, destaca a factura da súa igrexa, que presenta planta basilical con tres naves. Entre os elementos interiores, son relevantes as capelas de San Gregorio e do Rosario, dos séculos XV e XVIII, respectivamente; o grupo escultórico da Piedade, procedente da antiga muralla da cidade; a pía bautismal, con relevos bíblicos; os canzorros da ábsida, con interesantes figuras que presentan unha fin moralizante, e as imaxes da Virxe do Rosario e un Cristo articulado, ambas  do século XVI.

Coordenadas: 43°39'50.8" N 7°35'39.2" W

Convento de Penamaior

 

Santa María de Penamaior (Becerreá)

Con orixes no século X, Penamaior foi ata o século XIII un priorado dependente do mosteiro leonés de Carracedo, vinculándose a partir dese século á Orde do Císter. Incorporado á congregación de Castela no século XVI, na actualidade podemos visitar a súa igrexa monástica, construída e reformada en diferentes períodos que abarcan desde o século XII ata o XVIII. Entre os seus elementos máis característicos destacan os óculos, as xanelas e a portada principal, situada baixo unha imaxe da Inmaculada e un escudo da Congregación de Castela.

Coordenadas: 42°52'37.6" N 7°12'27.5" W

San Salvador de Lourenzá

 

Mosteiro de San Salvador de Lourenzá

As primeiras noticias do mosteiro de San Salvador datan do século IX, momento en que foi fundado como mosteiro familiar, para pasar a mans dos benedictinos no século XII e integrarse na congregación de San Benito de Valladolid no século XVI.

A súa decadencia histórica comezou no século XIX coa Desamortización e, posteriormente, cun incendio que destruíu en parte o seu claustro maior. A partir de 1910, unha comunidade de monxes funda aquí un pequeno priorado dependente de Samos que se encargará de restaurar o mosteiro, que funcionará ata 1970 como seminario menor.

Actualmente, parte das dependencias do conxunto acollen oficinas municipais. Como elemento máis importante do mosteiro queda a igrexa de Santa María, expoñente do Barroco Galego obra de Fernando de Casas Novoa. No seu interior, destaca a capela de Valdeflores, onde se atopa o sepulcro paleocristiá do Conde Santo, e o museo de arte sacra, entre cuxa colección destaca o relicario barroco do século XVII.

Coordenadas: 43°28'16.0" N 7°17'51.9" W