A  domus do mitreo: 2000 anos de historia en 700m2

Integrado no actual edificio do Vicerreitorado da Universidade de Santiago de Compostela na cidade de Lugo, o museo universitario da  domus do  mitreo permite facer unha viaxe no tempo a través dos restos atopados no transcurso das súas escavacións. Os achados, hoxe musealizados, son unha mostra da evolución urbana de Lugo desde a época altoimperial (primeiro cuarto do século I a. C.) ata o século  XX e dan mostra dunha cidade que, como un ser vivo, foi experimentando numerosos cambios para adaptarse aos novos usos e necesidades de cada época.

O museo divídese en tres zonas diferenciadas: o vestíbulo, onde se fai un repaso polas fases polas que pasou o solar; a planta subterránea, onde se atopan os diferentes elementos de época romana que saíron á luz tras a escavación (unha  domus de época altoimperial, o pano da muralla romana e os restos dun templo dedicado ao Deus Mitra) e, por último, na primeira planta faise un percorrido histórico e social polos usos deste lugar da cidade desde a Idade Media ata o século  XX, período no que este solar se converteu en taller dos canteiros da Catedral, necrópole catedralicia, torre da  Murega, pazo dos Montenegro e, actualmente, edificio universitario.

A peza máis destacada do conxunto correspóndese cun ara  votiva adicada ao Deus Mitra por un centurión da Lexión VII. O feito de que este espazo conte con restos arquitectónicos e epigráficos singulariza o mitreo lucense, entre outros existentes na  Hispania romana, dándolle ademais unha datación concreta.

O museo está equipado con medios expositivos como vitrinas con restos arqueolóxicos, pantallas táctiles, audioguías e unha mesa para tocar pezas. Todo iso permítenos aproximarnos de forma didáctica a un lugar onde pasado, presente e futuro se dan a man.

 

domus