Torques de Burela, o tesouro da Provincia

A Sala do Tesouro do Museo Provincial de Lugo exhibe unha importante colección de ourivaría prerromana. Trátase, en liñas xerais, de pezas destinadas ao atrezo persoal como torques, arracadas, brazaletes, diademas e outras pequenas xoias de datación posterior.

Entre todas elas destaca polas súas dimensións, peso e extraordinaria calidade o coñecido  torques de Burela, peza de ouro de máis de 1800 gramos dado a coñecer en 1954 e que foi achado casualmente no lugar de Chao do Castro por un veciño que realizaba labores agrícolas. O torque enmárcase na denominada cultura castrexa e a súa cronoloxía remóntase aos séculos III - I a.  C. Polo seu peso e dimensións, está considerado o máis grande de Galicia, unha singularidade que se cabe, realza aínda máis a súa inconfundible decoración a base de espirais e filigrana.

O peso desta peza fixo cuestionar o seu uso orixinal xa que, aínda que tradicionalmente os torques consideráronse adornos de pescozo, neste caso poderiamos atoparnos ante unha especie de cetro empregado en determinados actos sociais para resaltar o status do seu dono ou ben ante unha xoia ligada a usos de carácter máxico ou relixioso.

O  torques de Burela é patrimonio da Deputación de Lugo, do mesmo xeito que outras pezas que compoñen o tesouro e que comparten o seu protagonismo. É o caso do singular carneiro alado de Ribadeo, o torques do Coto da  Recadieira de Mondoñedo, as arracadas de Burela e Bretoña ou o broche de Baamorto, entre outros.

Unha visita a esta sala pode converterse na escusa perfecta para coñecer a colección do Museo Provincial, situado no antigo convento de San Francisco e declarado Ben de Interese Cultural en 1962. Das antigas dependencias conserva o claustro, o refectorio e a cociña, organizando a súa colección en salas de exposición permanente e temporal que abarcan pezas de etnografía, arqueoloxía, arte sacra, numismática e medallística, cerámica e vidro, artes decorativas, debuxo e gravado, arte galega,  musivaria romana, cerámica de Sargadelos e salas monográficas dedicadas a artistas como Antonio Fernández, Julia  Minguillón ou Xesús R. Corredoira.

 

torques

 

 

Imaxe
Torques do Museo de Lugo