Ribadeo

 

Ribadeo xorde como núcleo orixinario no que é hoxe o porto de Porcillán, situado na parte baixa da vila e xunto á ría que forma o Eo na súa desembocadura. Durante a Idade Media, con Viveiro e Mondoñedo, Ribadeo chegou a acadar unha importante actividade grazas aos privilexios reais outorgados por reis como Fernando II e posteriormente pola súa condición de condado.

Ribadeo contou ademais cunha frenética actividade comercial que fixo do seu porto un dos de maior trasfega do litoral cantábrico grazas á exportación de madeira, tecidos e ferro fosfórico extraído das minas da Pontenova. Este intercambio de mercadorías logrou xerar unha riqueza que quedou plasmada na arquitectura do seu centro histórico que, situado na parte alta da vila, une en perfecta sintonía a tradición mariñeira e a pegada dos industriais, armadores, banqueiros e indianos que fixeron vivir momentos de puxanza a esta localidade.

O percorrido polo Ribadeo antigo pódese iniciar no porto deportivo, onde un ascensor panorámico conecta co miradoiro da Atalaia, onde se conserva a capela da Santísima Trindade, edificio máis antigo do lugar. Desde aquí, un relaxado paseo levaranos á praza de España, onde se poden contemplar algúns dos edificios e monumentos máis singulares da arquitectura ribadense: o convento de Santa Clara, habitado por relixiosas que elaboran unha exquisita repostería; a igrexa de Santa María do Campo; o pazo do marqués de Sargadelos, que hoxe acolle a casa consistorial, e a torre dos Moreno, emblema de Ribadeo e referente da arquitectura indiana da provincia de Lugo. Desde aquí, pódese iniciar a coñecida como “ruta dos indianos”, un percorrido que nos levará cara á Rúa Rodríguez Murias e o Barrio de San Roque para culminar no antigo cuartel de Ribadeo, seguindo un trazado que nos mostrará o éxito acadado polos emigrantes que a finais do século XIX e comezos do XX retornaron á súa terra natal e investiron a súa fortuna en labores filantrópicas e luxosas mansións nas que plasmaron as innovacións arquitectónicas da época.

O casco antigo de Ribadeo é tamén lugar de paso cara Compostela. O Camiño de Santiago do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade no 2015, inicia aquí o seu itinerario galego logo de atravesar a ponte dos Santos, punto de conexión coa veciña comunidade asturiana.

Ribadeo é actualmente un lugar con gran actividade durante todo o ano. A súa proximidade con Asturias, o seu atractivo comercio, a súa reputada gastronomía e o feito de que nas súas proximidades se atope a praia das Catedrais, considerada unha das mellores do mundo, convérteno en punto de encontro de viaxeiros nacionais e internacionais.

Para percorrer o casco histórico recoméndase solicitar as audioguías ficcionadas que están a disposición na oficina de turismo municipal ou descargala nesta ligazón.

Torre de los Moreno
Palacio de Ibáñez
Isla Pancha
Casa Rosa
Calles de Ribadeo
Puerto deportivo
Panorámica aérea
Castillo de San Damián

 

E ademais…


*Durante o ano, son numerosas as celebracións que completan a oferta turística de Ribadeo: as festas da Virxe do Carmen, a festa do Percebe de Rinlo, a xira de Santa Cruz, a festa de San Roque, a mostra folclórica internacional ou a festa indiana poñen a guinda aos seus numerosos atractivos.

*Moi preto do casco histórico, o litoral de Ribadeo ofrece estampas idílicas como a contorna do faro de Illa Pancha, o antigo cargadoiro de mineral, o Castelo de San Damián ou praias coma Os Xuncos, Esteiro, Os Castros-Illas ou As Catedrais- Augasantas, que son verdadeiros epicentros do turismo galego.