Monumento Natural Pregamento Sinclinal de Campodola- Leixazós
Situado no Sur das serras orientais lucenses, o pregamento de Campodola esténdese polas inmediacións do río Ferreiriño ao longo duns 21 quilómetros e abarcando un total de 90 hectáreas dos municipios de Quiroga e Folgoso do Courel.
As orixes desta singular formación xeolóxica retrotráense no tempo entre 324 e 305 millóns de anos, xurdindo como produto da colisión entre as forzas tectónicas de dúas masas continentais que darían lugar á formación do gran continente Panxea.
O punto máis espectacular deste monumento natural é aquel onde acada a súa maior curvatura. Precisamente este lugar pode contemplarse desde o miradoiro xeolóxico de Campodola, situado na estrada LU- 651, entre Quiroga e O Courel, á altura do Km. 9.
Para coñecer máis de preto o papel xogado polo Courel na evolución xeolóxica de Galicia, o museo xeolóxico municipal de Quiroga constitúe unha visita obrigada. Na súa exposición dedícase unha sección a este pregamento sinclinal, así como a períodos determinantes que deixaron unha fonda e recoñecible pegada no territorio, como é o caso da glaciación, os asentamentos paleolíticos ou a minería aurífera romana.
Máis información:
Museo xeolóxico municipal de Quiroga
Rúa do Courel, 21. 27320. Quiroga
Tel. 982 43 51 25
http://museogeologicoquiroga.blogspot.com.es
culturaquiroga2@gmail.com