Polo camiño do tren mineiro

Cinco impoñentes altos fornos dannos a benvida ao chegar á Pontenova. A historia recente desta localidade, moi ligada á actividade das minas de ferro fosfórico a ceo descuberto, pervive nestes singulares elementos do seu patrimonio industrial.

Despois de ser extraído da montaña e baixado mediante un sistema de poleas, o mineral de ferro fundíase nos fornos mediante un innovador procedemento que tiña por obxectivo separar o fósforo do  lingote para, posteriormente, ser transportado ata Ribadeo, desde onde sería exportado a diferentes lugares do norte de Europa.

A Sociedade Mineira de Villaodrid foi fundada no ano 1900 polo industrial vasco Julio de  Lazúrtegui co obxectivo de explotar o xacemento da Pontenova. A este proxecto uniuse o da construción dunha liña de ferrocarril de vía estreita deseñada polo enxeñeiro Joaquín Arriandaga que permitiría o transporte do mineral durante os 34 quilómetros que separaban A Pontenova do porto de Ribadeo. No ano 1903 circulou o primeiro tren e en 1904 construíuse o  cargadoiro de mineral de Ribadeo. No ano 1905 comezou o servizo de transporte para viaxeiros.

O proxecto do tren mineiro abarcou a construción dun total de cinco pontes sobre os ríos Eo, Turia, Trabada, Reme e Rego da Viña; almacéns de mercadorías, depósitos e taller de máquinas; catro estacións ( Villaodrid, San Tirso, Porto- Veiga e Ribadeo) e os apeadeiros de O Cairo, Abres e Porto. Ademais, localizáronse diversos túneles que posibilitarían o deseño do trazado ferroviario.

Os primeiros doce quilómetros desta  antiga vía de ferrocarril, cuxo funcionamento cesou en 1963, foron recuperados como ruta para facer a pé ou bicicleta dentro do proxecto de Vías Verdes da Fundación dos Ferrocarrís Españois, sendo, ata o momento, o único proxecto semellante existente en Galicia. Trátase dun itinerario sinxelo que se inicia nos altos fornos da Pontenova, continúa polo forno de Boulloso e segue parte do curso do Eo, espazo Rede Natura 2000. O percorrido finaliza na localidade asturiana de San Tirso de Abres, en cuxa estación estaba situado un dos depósitos de auga que abastecían as locomotoras a vapor.

 

Imaxe
Fornos da Pontenova