Sargadelos: o soño dun visionario feito realidade
Nos últimos anos do século XVIII, na tradicional Galicia agraria, comezan a espertar os primeiros proxectos de industrialización. É neste momento cando se fan visibles os primeiros cambios que traerá consigo o Século das Luces, innovacións que conseguirán materializarse grazas ao labor de personaxes como Antonio Raimundo Ibáñez, comerciante asturiano nado nos Oscos que encarna a figura do perfecto ilustrado. Este adiantado ao seu tempo consegue converter a parroquia de Santiago de Sargadelos, no municipio de Cervo, nun auténtico referente da industria española da época.
As primeiras noticias do complexo industrial de Sargadelos datan de 1788, momento en que se constrúe unha fábrica de potas, ferros e clavazóns obtidos polo procedemento de fundición. Con todo, a actividade da fábrica pronto se reorientaría cara ao mercado militar, concretamente ao Estado, mediante a produción de armamento e municións. A frenética actividade da factoría convertería o seu alto forno, empregado para o coado do ferro, nun auténtico referente en produción a nivel nacional. Neses anos, Sargadelos convertíase entón na Real Fábrica, cuxa labor trataría posteriormente de diversificar o seu fundador mediante a produción de téxtil, vidro e cerámica tipo Bristol. Foi precisamente esta última a que conseguiu que o nome de Sargadelos se perpetuase no tempo ata os nosos días.
Acusado de afrancesado, Antonio Raimundo Ibáñez foi axustizado durante os episodios da Guerra de Independencia que tiveron lugar en Ribadeo o 2 de febreiro de 1809. Co seu falecemento, nacía o mito da personaxe que encarnou á perfección os ideais de toda unha época. Trala súa morte, o seu legado pasou a mans do seu fillo, José Ibáñez Acevedo, que reorientou a fábrica cara á produción artística. A louza de Sargadelos empeza entón unha evolución que nos levará a distinguir entre catro épocas que acompañarán ás xeracións que sucederán ao seu fundador ata o peche das fábricas, en 1875.
Nos anos 50 do século XX, a personaxe de Isaac Díaz Pardo será clave para o rexurdimento de Sargadelos. Formado na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, instálase coa súa muller no Castro de Samoedo, en Sada, onde pon en marcha un proxecto de deseño que aúna arte e industria. Nace así o Laboratorio de Formas de Galicia, un auténtico proxecto de recuperación da identidade galega que se forxará tamén grazas ao labor de ilustres galegos exiliados en Arxentina durante a época como Luís Seoane. As fábricas de Cervo, integradas no Conxunto Histórico- Artístico de Sargadelos, continúan en activo hoxe en día perpetuando os conceptos de deseño e tradición que envolven unha das iconas da identidade lucense.