San Martiño de Mondoñedo: o legado de Britonia
A invasión de Gran Bretaña polos anglosaxóns no século V desencadeou unha fuxida dos seus habitantes ao continente europeo, onde nun lugar próximo á costa lucense se establecería un grupo de fieis co seu bispo formando unha sede episcopal en Britonia xa mencionada no Parroquial Suevo. Dita sede tería a súa base no chamado Mosteiro Máximo, cuxa localización puido acharse en Bretoña, no actual municipio lucense da Pastoriza. Posteriormente, a invasión sarracena destruiría Britonia en torno ao ano 830, obrigando a dividir en dous a diócese, dando lugar ás de Oviedo e Mondoñedo, e asentándose esta última en San Martiño de Mondoñedo, no actual municipio de Foz, en torno ao ano 870.
O edificio que actualmente se conserva da antiga sede episcopal, considerada a catedral máis antiga de España, é a igrexa do antigo mosteiro, con elementos arquitectónicos dos séculos X, XI e XII. Encádrase no estilo románico inicial, aínda que é certo que certos vestixios reaproveitados na súa construción remontaríanse mesmo ao século VI.
O exterior do edificio debuxa un conxunto arquitectónico no que sobresae a cabeceira, onde se adiviñan tres ábsidas suxeitas por robustos contrafortes nos que sobresae unha decoración realizada a base de arquiños e axedrezado. O resto do edificio destaca pola súa sinxeleza decorativa, o que dá protagonismo á portada oeste, coa representación do Cordeiro de Deus, e aos canzorros da cornixa do tellado, cuxas figuras en actitudes grotescas denotan unha intención moralizante para os fieis que na Idade Media acudían aos oficios relixiosos.
O interior de San Martiño destaca por unha solemne sobriedade que converte ao edificio nun cofre con auténticos tesouros entre os que destacan as súas pinturas murais, as mellor conservadas de Galicia dentro do estilo románico; pasando polo seu retablo pétreo, as pezas do tesouro de San Gonzalo, o Bispo Santo, e a decoración dos seus capiteis historiados, coa representación de escenas como a parábola de Lázaro e Epulón, a última Cea, o banquete de Herodes ou a degollación de Bautista.
San Martiño, declarada Ben de Interese Cultural, obtivo a categoría de basílica no ano 2007 e actualmente continúa sumando apoios para a súa candidatura a Patrimonio Mundial da Humanidade.