Rei Cintolo: unha viaxe ás entrañas da terra

Da man dun espeleólogo profesional que nos guiará durante unha emocionante visita, adentrámonos nunha das máis impactantes marabillas que existen baixo terras lucenses: a cova do Rei Cintolo. Situada en Argomoso (Mondoñedo) e con máis de 6000 metros explorados, está considerada a de maiores dimensións de Galicia.

Escenario de lendas que nos falan dun reino sepulto por amor, a gran formación  kárstica que deu orixe á cova acolleranos entre salas e pasadizos de caprichosas formas e dimensións que converterán o noso percorrido nunha auténtica aventura. O interior desta cova, que conserva o seu estado orixinal, divídese en catro seccións nas que se suceden estalagtitas, estalagmitas, coadas e columnas observables nas súas diferentes galerías. Ademais, polo seu interior discorre o río Celtas, que foi  esculpindo o corazón deste espazo natural, alimentando o seu lago interior. Os achados das diferentes campañas de exploración e investigación da cova mostran unha evolución que permitiu seguir o rastro dos nosos devanceiros desde o Paleolítico ata a Idade Media, polo que a cova constitúe un auténtico nexo de unión entre o pasado e o presente.

Para coñecer de preto as curiosidades deste lugar, organízanse visitas guiadas desde a oficina de turismo de Mondoñedo. Igualmente, nas proximidades da cova atopamos o centro de interpretación da Prehistoria, onde se pode afondar no coñecemento dos aspectos históricos, arqueolóxicos, etnográficos e naturais de Mondoñedo.

 

 

Cintolo