Crismón de Quiroga: testemuña do primeiro cristianismo en Galicia

O Museo Diocesano da Catedral de Lugo custodia entre as súas pezas máis destacadas o Crismón de Quiroga. Datado do século V, este disco de 95 centímetros de diámetro realizado en mármore do Incio está considerado unha testemuña clave da historia de Galicia, sendo un elemento que conecta a etapa final da romanización e a chegada do cristianismo ao territorio da antiga Gallaecia.

O crismón ten gravado sobre a súa superficie o anagrama de Cristo, coas letras  alfa e omega e, en todo a súa marxe, reza a inscrición: o ouro é cousa vil para ti, non digamos a prata. É moito máis o que brillas pola túa propia felicidade, unha reflexión que apela á moralidade convidando a afastarse dos bens materiais.

O  Crismón de Quiroga ten unha orixe incerta, aínda que se apuntou o seu posible uso como ornamento nun mausoleo dun nobre romano que tería falecido na zona de Quiroga.  Reaproveitado como mesa de altar no santuario da  Ermida, onde se practicaba o curioso ritual de limar os seus bordos o día da romaría do 8 de setembro, no ano 1925 foi trasladado por orde do Bispo Basulto á catedral lucense, onde loce entre as coleccións de arqueoloxía, numismática, imaxinería, ourivaría litúrxica e outros fragmentos ou pezas escultóricas que fan do Museo Diocesano de Lugo un referente entre os museos catedralicios galegos.

 

crismon