Círculos  líticos: o segredo das pedras

En diferentes puntos da xeografía lucense, a casualidade sacou á luz achados sen precedentes ligados á pegada dos nosos devanceiros. O produto destes descubrimentos son os denominados crómlech ou círculos líticos, sorprendentes estruturas construídas con grandes pedras dispostas en forma circular. Algúns dos exemplos máis sobresaíntes dos achados hoxe en día sitúanse en Barreiros, Lugo e O Valadouro.

O círculo  lítico da  Roda, en Barreiros, é unha enigmática estrutura megalítica da Idade do Bronce, encadrada na tipoloxía dos henge británicos, que se remonta no tempo uns 4.500 anos.  Seguindo os estudos sobre o círculo de  Stonehenge, situado en  Amesbury, Inglaterra, podería ter un carácter relacionado coa relixión, coa celebración de actos de carácter social, coa observación astronómica relacionada cos ciclos da natureza ou con rituais de carácter funerario. En calquera caso, as hipóteses que tratan de explicar o significado destas estruturas só conseguiron alimentar o  halo de misterio que as rodea.  

O círculo da  Roda ten un diámetro duns 50 metros e está circundado por un foxo exterior de entre tres e catro metros de diámetro e un de profundidade. O círculo está flanqueado por dous muros separados por un foxo que dá lugar á formación dunha estrutura en  parapeto que acadaría os 2 metros de altura. Na posible zona de entrada consérvase unha pedra vertical, delimitando o acceso. 

A existencia de círculos  líticos é moi excepcional no continente Europeo, á marxe dos achados nas Illas Británicas. Na provincia de Lugo foi documentada a existencia doutra estrutura  megalítica circular na parroquia de  Coeses, no municipio de Lugo.  Tamén na Mariña Lucense, no municipio do Valadouro, atopamos o misterioso Prado das  Chantas, do que se conservan unhas 250 pedras fincadas, e os círculos de  As  Pedragosas, próximos ao anterior, pese a que aínda non se puido dar luz á súa cronoloxía e os seus usos orixinais.

 

Círculos Líticos