Castelo de  Pambre: icona da Galicia medieval

No municipio de Palas de Rei álzase o castelo de Pambre, unha fortaleza levantada no século XIV por Gonzalo  Ozores de Ulloa sobre un promontorio rochoso que reforza o seu carácter defensivo.

De planta cadrada, os extremos da súa muralla están rematados por catro torres de flanco. No interior sitúase a torre da homenaxe, de 11 metros de alto e tres plantas. Entre os seus trazos característicos, ademais da estrutura da propia fortaleza, está o feito de que no seu interior consérvase a capela románica de San Pedro.

Pambre, do mesmo xeito que outros castelos galegos, é un dos protagonistas dos acontecementos que tiveron lugar en Galicia entre os anos 1467 e 1469, coñecidos baixo a denominación de Gran Guerra Irmandiña. Este conflito de carácter social e político no que o pobo se revelou contra a opresión exercida pola nobreza caracterizouse pola toma e derrube das fortalezas, consideradas símbolo dunha sociedade feudal marcada polas diferenzas entre nobres e vasallos.

Pambre foi un exemplo de supervivencia no contexto desta parte esencial da historia de Galicia, ata o punto de ser o único castelo galego que se mantivo en pé tras os ataques. Despois destes sucesos, o castelo exerceu diferentes roles como centro de custodia do Camiño de Santiago, lugar de cobro de impostos e centro de explotación agrícola.

O castelo foi restaurado recentemente e aberto ao público, albergando unha exposición que permite coñecer o monumento no seu contexto mediante un sistema seguro, accesible e aberto a novos descubrimentos.

Anualmente, determinados colectivos celebraban a denominada “marcha  irmandiña” que terminaba coa toma simbólica da fortaleza. Ademais, desde o ano 2017 celébrase a “Noite  Irmandiña”, na que se rememora xunto ao castelo o pasado medieval de Palas de Rei.

 

pambre