Praia de  As  Catedrais -  Augasantas: o capricho do Cantábrico

No municipio de Ribadeo a rasa cantábrica regálanos un dos seus maiores prodixios xeolóxicos: a praia de  Augasantas, máis coñecida como As  Catedrais. Un espazo natural que nos últimos tempos se converteu nunha visita imprescindible para o viaxeiro que se achega á provincia de Lugo. Integrada na Reserva da  Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón,  As  Catedrais forma tamén parte da Rede Natura 2000 e foi declarada Monumento Natural no ano 2005.

Neste espazo natural, as augas do Cantábrico esculpiron os cantís de lousa e cuarzo dando lugar a fracturas e formacións de covas e arcos mariños de gran singularidade que semellan os  arbotantes dunha catedral gótica. Un lugar de gran beleza en constante cambio cuxa contorna se converteu no fogar de especies de flora e fauna como a  acelga mariña, a  anxélica de mar, os  brezais húmidos e secos ou a popular  herba de namorar.  As Catedrais é ademais un espazo privilexiado para a observación ornitolóxica de especies como o corvo mariño cristado, o ostreiro euroasiático, o correlimos escuro, o virapedras común, os lagarteiros ou as curuxas, ademais de mamíferos como a lontra ou o arroaz e anfibios como a ra de San Antón ou o lagarto  verdinegro.

A Praia das  Catedrais, tanto pola súa dotación de servizos como pola calidade dos seus parámetros ambientais foi distinguida coa  Q de Calidade Turística, a Bandeira Azul e coas certificacións  EMAS e  ISO 14001.

A visita a este espazo natural está limitada en tempada alta, sendo necesario obter previamente o correspondente pase de acceso. Ademais, para gozar da visita na súa plenitude, recoméndase realizala con marea baixa para adentrarse nas súas covas e sentir a grandeza do lugar onde o mar deu forma aos seus antollos.

 

Catedrais