Festas de Interese Turístico

 
Con independencia da súa temática, moitas das festas da provincia de Lugo contan cunha antigüidade, singularidade ou raigame que lles valeu a súa declaración como de Interese Turístico a nivel internacional, nacional ou autonómico. Todas elas son xa citas imprescindibles para calquera viaxeiro que desexe ser partícipe da alegría que caracteriza a forma de vivir dos lucenses.
 
FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO INTERNACIONAL
 
Semana Santa de Viveiro
 

Con orixes no século XIII, a Semana Santa de Viveiro foi instaurada polas ordes mendicantes e na actualidade diferentes Confrarías e Irmandades manteñen viva esta singular manifestación do fervor relixioso que destaca polo valor artístico da súa imaxinería e pasos procesionais.

 

 

Arde Lucus (Lugo)

Unha vez ao ano, no mes de xuño, a cidade de Lugo viaxa no tempo para rememorar o seu pasado castrexo e romano. Durante tres días sucédense espectáculos, mercados e desfiles que enchen de vida e multitude as rúas da capital da provincia nunha celebración na que se implican diversas asociacións ligadas á recreación histórica.

FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO NACIONAL
 

San Froilán (Lugo)

Entre o 4 e o 12 de outubro, a cidade de Lugo convértese no referente festivo do outono galego. Con orixes nun tradicional mercado de gando, as festas patronais de San Froilán seguen mantendo o seu carácter popular e desenvolvendo un programa arraigado na temática que as viu nacer, aínda que con oferta para todos os públicos. Concertos, animación nas rúas, espectáculos infantís, mercado de gando, as tradicionais barracas e sobre todo, as casetas do polbo, son o referente que atrae cada ano á cidade a milleiros de persoas.

Feira do Bonito (Burela)

O primeiro sábado de agosto, o porto boniteiro do Cantábrico por excelencia enxalza os produtos do mar. Durante esta xornada é posible degustar o bonito de variadas formas, á vez que se pode visitar no porto o barco-museo para descubrir de primeira man as dificultades da vida a bordo durante as longas tempadas de captura.

 

FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA

Belén electrónico de Begonte

Nos meses de decembro e xaneiro, Begonte pon en funcionamento o seu belén electrónico. Un espectáculo protagonizado por personaxes animados que representan oficios tradicionais galegos que dan vida a un dos máis famosos nacementos da Comunidade Autónoma.

Feira do Viño de Amandi (Sober)

En pleno inicio de Semana Santa, o sábado previo e o Domingo de Ramos, a localidade de Sober celebra a concorrida mostra dos míticos viños de Amandi, producidos nas empinadas ladeiras do Sil, escenario da xenuína viticultura heroica que singulariza unha forma de vida en torno ao viño.

Semana Santa de Mondoñedo

Fundada pola Venerable Orde Terceira Franciscana no século XVIII, a Semana Santa de Mondoñedo mantén os valores de austeridade das ordes mendicantes. Durante os actos da celebración destaca a Procesión da Soidade, realizada ao ritmo do Plorans do Mestre Pacheco ou a tradicional subida ao Convento dos Picos seguindo as estacións do seu vía crucis.

Feira do Queixo do Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro)

Na despedida do inverno, o municipio de Pedrafita do Cebreiro celebra a súa particular homenaxe a un dos máis recoñecidos queixos galegos con Denominación de Orixe propia e inconfundible forma de gorro de cociñeiro.

Festa do Ourizo de Cervo

Os establecementos hostaleiros de Cervo organizan anualmente un encontro que enxalza este produto do mar poñéndoo en valor a través de diferentes formas de preparación. Durante a festa organízanse degustacións nunha carpa e nos propios locais de hostalería, realízanse showcookings e un concurso gastronómico co ourizo como protagonista. A verbena a cargo de orquestras pon o broche a unha celebración que anticipa a entrada da primavera na Mariña.

Festa da Troita da Pontenova

O 1 de maio, o escenario que conforman o río Eo e os antigos altos fornos da mina da Pontenova acollen a tradicional festa da troita, unha homenaxe gastronómica a este produto tan abundante nos ríos da comarca no que tamén está presente unha representativa mostra da artesanía local.

Festa da Filloa de Muimenta

O 1 de maio, esta localidade do municipio de Cospeito rende homenaxe a un dos produtos máis recoñecidos das sobremesas galegas en xeral e da Terra Chá en particular. Durante a xornada pódese ver traballar en directo ás filloeiras, saborear o produto e visitar a exposición de postos de artesanía e doutros negocios locais.

Mostra do Aceite de Quiroga

Unha vez ao ano o “ouro líquido” de Quiroga atrae a numerosos visitantes a Bendilló, onde un tradicional muíño de aceite situado ao pé do Camiño de Inverno de Santiago recréase a produción artesanal dun aceite de recoñecida calidade.

 

Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento (Lugo)

A catedral lucense ostenta o privilexio de exhibir de forma permanente o Santísimo Sacramento. Unha vez ao ano, o domingo que segue ao Corpus Christi, os alcaldes das sete cidades galegas que foron capitais de provincia do Antigo Reino de Galicia réndenlle homenaxe nun encontro onde unha cidade presenta a súa solemne ofrenda.

Rapa das Bestas de Candaoso (Viveiro)

No incomparable marco dos montes de Buio celébrase anualmente unha das tradicións máis ancestrais de Galicia: a rapa das bestas de Candaoso. Durante estes días prodúcese a baixada do gando que vive en semiliberdade ata o curro, onde ten lugar o corte das crinas e dos rabos dos cabalos, o marcado a lume e a doma. No programa tamén se inclúen unha feira de gando cabalar, mostra de andaina e carreiras de cabalos e burros, todo iso amenizado por unha verbena e degustación de chourizos e xamón.

Festas de San Lourenzo de Foz

Trátase das festas patronais por excelencia da vila de Foz, cuxa poboación se multiplica en agosto grazas á afluencia de viaxeiros que fan escala na localidade e que acoden a este multitudinario encontro amenizado por orquestras, pasarúas, batukadas e grupos folclóricos e durante o que ten lugar unha feira de mostras e torneo de fútbol.

Romaría do Naseiro ou “bo xantar” (Viveiro)

Os últimos días de agosto, a contorna do río Landro, entre as parroquias de Landrove e Chavín, convértese en punto de encontro para milleiros de persoas que durante varios días gozan en grupo da gastronomía local. Neste lugar levántase un auténtico poboado con cabanas feitas ex profeso para gozar destes días. Durante esta festa celébrase o concorrido descenso do Landro, durante o que os participantes se disfrazan e e baixan o río a bordo de orixinais dispositivos.

Día da Gaita e Romaría de Santa Cruz (Ribadeo)

Coincidindo co Día da Gaita Galega, o miradoiro de Santa Cruz, situado no monte de Ove, acolle unha tradicional xira animada por grupos de gaitas e ofrendas florais que se realizan na estatua que homenaxea ao gaiteiro galego.

Festa da pescada do pincho de Celeiro

O porto de Celeiro, un dos máis importantes de Galicia, convértese anualmente no escenario onde se rende homenaxe á raíña das súas capturas: a pescada do pincho. Dende finais dos 90, cada mes de xullo , a lonxa acolle a degustación deste peixe capturado de xeito tradicional con anzol. Durante a xornada festiva repártense máis de 2000 racións de pescada nun evento no que non falta a boa música.e a tradicional queimada.

Mercado Medieval de Mondoñedo

A cidade de Mondoñedo revive anualmente o seu esplendoroso pasado nun dos mercados medievais pioneiros de Galicia. Nesta fin de semana, as rúas énchense de animación de época, postos de artesanía e de produtos gastronómicos, convidando ao visitante a realizar unha verdadeira viaxe no tempo e mesmo atoparse con personaxes da época como o Mariscal Pardo de Cela.


Filandón de Músicas do Courel

No mes de agosto, a contorna da Ferrería de Seoane ambienta un dos máis singulares encontros celebrados en homenaxe á música tradicional galega onde adquiren protagonismo as actuacións de artistas populares que interpretan poesía, coplas de cego, música con instrumentos tradicionais, corno celta, romances e outras pezas do cancionero galego. A celebración compleméntase cunha exposición de música, libros, discos e instrumentos populares.

Festival de Pardiñas ( Guititiz)

Os primeiros venres, sábado e domingo de agosto Pardiñas convértese na capital folclórica de Galicia e punto de encontro de recoñecidos grupos do panorama nacional e internacional. O programa deste encontro inclúe ademais unha carreira popular, un certame de cantos de taberna, unha mostra de instrumentos de música tradicional e unha mostra de artesanía.

Folión de Carros de Chantada

O sábado posterior ao 21 de agosto, as rúas de Chantada poñen escenario a un vistoso desfile de carros tradicionais tirados por vacas e engalanados para a ocasión. Toda unha homenaxe ao rural galego e a unha época previa á mecanización dos traballos agrícolas que reúne grupos de amigos e familias enteiras que aseguran o relevo xeracional nesta cita imprescindible do verán galego.

Festa da Maruxaina (Cervo)

O segundo sábado de agosto, San Cibrao enxalza a súa cultura mariñeira recreando a lenda da súa famosa serea coñecida como “A Maruxaina”, para algúns axudante e colaboradora cos mariñeiros e para outros unha traidora que os engana desviándoos da súa ruta. Neste día, a xente do mar porta polas rúas á serea Maruxaina nunha procesión que culmina na praia do Torno, onde se lle realiza un particular xuízo que termina co seu indulto.

Festa da malla (Meira)

O penúltimo domingo de agosto, Meira revive un dos oficios máis tradicionais do campo galego: a malla. Durante a xornada ponse en funcionamento unha antiga máquina que separa a semente do cereal de trigo da súa palla, á vez que un grupo de persoas da localidade fan as “ medas” de palla. Esta recreación acompáñase actualmente con música tradicional e unha comida popular.

Festival Internacional do Emigrante (Barreiros)

A primeira fin de semana de agosto, Barreiros rende homenaxe aos seus fillos emigrados que adoitan retornar á súa terra de orixe polo menos durante o verán. Durante dous días, a alegría está asegurada coa queimada, os petiscos e a música de diferentes agrupacións folclóricas que amenizan esta celebración.

Queimada Popular de Cervo

O sábado seguinte ao 16 de agosto, unha multitude reúnese ao redor dunha gran queimada para entoar o seu esconxuro e espantar toda clase de males. Un ritual de purificación rodeado dunha impresionante teatralidade onde o lume, a “máxica apócema” do augardente e, sobre todo, os propios asistentes, son os protagonistas.

Festa da Faba de Lourenzá

Entre finais de setembro e comezos de outubro, a localidade mariñá de Lourenzá acolle a festa de exaltación do seu produto da horta por antonomasia. Unha celebración na que ademais das degustacións de diferentes receitas coas que preparar as fabas, teñen lugar actuacións de teatro, charangas, pasarúas, grupos folclóricos, verbenas, actividades infantís, cata de viños e unha carreira popular.

Festa da Queima das Fachas de Castelo (Taboada)

Os días 7 e 8 de setembro, o sacro e o profano únense na parroquia de Santa María de Castelo. Entre os actos máis singulares deste encontro ten lugar pola noite a queima dunha trintena de fachas de piñeiro e ramas secas de gamón nun castro da localidade, unha tradición que perde as súas orixes e o seu significado no tempo. A festa culmina ao ritmo da música dunha concorrida verbena.

As San Lucas de Mondoñedo
 
Nos días próximos ao 18 de outubro, Mondoñedo acolle a que está considerada unha das feiras máis antigas de España.
As San Lucas revive anualmente a tradición gandeira do interior da Mariña Lucense, acollendo entre os seus actos máis destacados a espectacular baixada dos cabalos do monte, que se dirixen ao recinto feiral atravesando a praza da Catedral. Durante estes días sucédense ademais verbenas, concertos, un mercado con diferentes postos de artesanía e de comida onde degustar o tradicional “ polbo á feira”.
 
Feira de Santos de Monterroso
 
Con orixes no século XV, a feira de santos de Monterroso está considerada unha das máis importantes de Galicia dentro da súa temática. No marco desta xornada destaca o gran mercado ambulante onde se poden adquirir diferentes produtos entre os que cabe mencionar os propios da gastronomía da zona: castañas, queixo e produtos da matanza, á vez que se pode saborear o polbo nas casetas.
 
Festa da Castaña de Folgoso do Courel
Celébrase a comezos do mes de novembro durante todo o día nun Souto de Folgoso (alternando un ano en Folgoso e outro en Seoane do Courel). Durante a xornada pódese participar nun tradicional magosto e degustar de xeito gratuíto castañas e viño. Todo iso acompañado de actuacións musicais, talleres e demostracións de temática variada, así como venda de produtos locais e artesanía.

 

Feira do Butelo (A Fonsagrada)
Celébrase tódolos anos dende 1998 en A Fonsagrada e ten lugar a fin de semana anterior á fin de semana do Entroido. Cada ano son máis os visitantes e turistas que se achegan a este concello da montaña lucense a degustar este prato a base de costela e outras partes do cocho.

Semana Santa de Lugo

Trátase dunha das Semanas Santas máis antigas de Galicia, celebrada de xeito ininterrompido dende a Idade Media. Cun gran valor artístico, tanto na imaxinería coma na ourivaría, ten un carácter sobrio e autero.

Romaxe das Cruces (Ribadeo)

A celebración conmemora a vitoria dos veciños de sete parroquias de Ribadeo e Trabada sobre as tropas de Napoleón durante a  Guerra da Independencia.

Feira do Poldro de Muras

Celébrase tódolos anos no mes de setembro no alto da Gañidoira. Conta con exposicións de razas autóctonas, concurso de animais ou carreiras ecuestres.

Feira da Tenreira Galega (Láncara)

O 1 de maio o concello de Láncara celebra a Feira da Tenreira Galega, unha cita gastronómica que pon en valor a carne de Ternera Gallega cunha degustación. Ademais compleméntase cun concurso de gando.

Entroido de Foz

Actividade senlleira que se celebra todos os anos no concello de Foz e que goza de gran popularidade e participación da cidadanía.