Rutas gastronómicas da provincia de Lugo

A RUTA DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA 

Poucos produtos coma o viño nos ofrecen a posibilidade de presentar un destino turístico no seu conxunto e a posibilidade de converter a nosa viaxe nunha experiencia sensorial e emotiva.

Ribeira Sacra ofrece o tandem perfecto entre viño e paisaxe, dous elementos intimamente ligados que nos falan de toda unha forma de vida que se traduce nuns caldos cunha marcada personalidade.

Para aglutinar baixo a mesma temática unha serie de establecementos de aloxamento, restauración, artesanía, adegas, museos, tendas especializadas e outras actividades complementarias, creouse a Ruta do Viño da Ribeira Sacra, unha garantía de calidade para os visitantes que acoden a este destino coa intención de gozar dunha experiencia enogastronómica única.

Ademais, para coñecer en profundidade os vales do Sil e do Miño, a súa paisaxe, a súa historia e a viticultura, recoméndase navegar a bordo das embarcacións turísticas que percorren ambos canóns e que ofrecen un servizo de visitas guiadas a bordo. 

viño

 

A RUTA DA FABA DE LOURENZÁ

Trátase dunha ruta onde a gastronomía, a natureza e a arte fúndense co fin de enxalzar a Faba de Lourenzá. Produto que, debido ás características do solo e ás técnicas tradicionais de cultivo, atopa no Concello de Lourenzá o lugar idóneo para presentar unha calidade culinaria excepcional.

Ao longo desta ruta non só se pretende dar a coñecer máis esta legume que conta coa Indicación Xeográfica Protexida, senón tamén se trata de amosar ao visitante o rico patrimonio cultural e natural deste recuncho da Mariña Lucense

Ruta da Faba

 

A RUTA DO QUEIXO E DO MEL 

A través deste percorrido vívese o tradicional proceso de elaboración do mel e do queixo dende a súa fase inicial. Coñecerase de primeira man aos gandeiros e gandeiras e profesionais da apicultura de Galicia e a súa forma de traballo, empregando as mellores materias primas para a elaboración do queixo amparado polas diferentes Denominacións de Orixe Protexida e a obtención do mel acollido á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

 

Ruta do Queixo e do Mel