As pallozas dos Ancares: testemuñas dunha forma de vida única
Nas serras orientais lucenses aínda se conservan importantes mostras de arquitectura popular que ilustran formas de vivir únicas. Este é o caso das pallozas, vivendas tradicionais dos Ancares onde convivían as persoas e o gando que, xunto co fogar ou lareira, contribuía a dar calor, dotando ao interior destas construcións dunha temperatura constante duns 17º que permitían facer máis levadíos os duros invernos.
Tradicionalmente considerouse que as pallozas teñen unha orixe prerromana ligada ás vivendas castrexas. Desde o punto de vista arquitectónico, as pallozas son facilmente recoñecibles pola forma da súa planta, circular ou elíptica, e polos seus empinados tellados de palla de centeo que evitarían o estancamento da neve sobre a construción e, polo tanto, o seu derrubamento. Ademais, a palla do tellado permitiría o filtrado do fume do interior, sen necesidade de contar con cheminea para esta fin.
A creatividade demostrada polos antepasados da montaña lucense no deseño das pallozas queda patente tamén na súa orientación, coa que se busca o máximo aproveitamento das horas de luz, así como na ausencia de vanos na construción para evitar a fuga da calor. A distribución interior das pallozas combina zona de vivenda, cortello e almacén de palla. Na zona de vivenda destacan como elementos imprescindibles, ademais do fogar ou lareira, o forno para cocer o pan e o dormitorio. Por debaixo do nivel da vivenda situaríase o cortello, o que permitiría o ascenso da calor xerada polo gando, todo un enxeñoso sistema de calefacción natural.
Habitadas ata os anos 70, as pallozas son hoxe en día unha icona da montaña lucense que se conserva en pobos como Piornedo, no municipio de Cervantes, onde hoxe se poden visitar reconvertidas en museo. Tamén na aldea do Cebreiro, en pleno Camiño de Santiago, algunhas foron reconstruídas para o seu uso turístico. Noutros municipios, como Fonsagrada ou Navia de Suarna, aínda se conservan algúns exemplares que perviven como testemuñas dunha vida dura nunha época na que o bureo das aldeas e a solidariedade entre os seus habitantes fai lembrar, con nostalxia, a alegría que caracterizaba os pobos de montaña.