Monte Farelo: unha das  mecas da arte rupestre galega

Entre os municipios de Antas de Ulla (Lugo) e A  Golada (Pontevedra), as rochas  graníticas do  altiplano do Monte Farelo conservan unha importante representación de gravados en pedra ao aire libre. Estes gravados, denominados petróglifos, son unha das máis xenuínas pegadas deixadas polo home prehistórico durante o período de tempo comprendido entre o terceiro e segundo milenio antes de nosa era, estendéndose durante a Idade de Bronce, un período cunha economía de base agrícola e gandeira, cunha crecente  metalurxia e unha sociedade cada vez máis estratificada.

A concentración de petróglifos no Monte Farelo débese probablemente á súa condición de zona de paso entre os vales do Ulla e do Arnego. Neste lugar dispóñense diferentes estacións de petróglifos, a maioría en forma de círculos  concéntricos, acadando algúns un diámetro que supera os dous metros. A súa abundancia, tamaño e localización estratéxica fai que Monte Farelo estea considerado como un dos “santuarios” da arte rupestre galega.

A intencionalidade dos gravados continúa sendo un misterio a día de hoxe, aínda que é seguro que transcende do puramente estético. Por este motivo, non se descartou o seu posible vínculo co paso das estacións, os ciclos agrícolas ou funcións de carácter relixioso.

Monte  Farelo é un libro aberto para os amantes da Prehistoria e un punto de referencia para a arqueoloxía galega que garda segredos que esperan ser revelados.

 

farelo