Monforte de Lemos

 

Monforte, segunda cidade lucense en número de habitantes trala capital da provincia, ten o seu núcleo orixinario no Monte de San Vicente, estratéxica atalaia con vistas a todo o val de Lemos onde se situou o Castro Dactonio, destruído polos musulmáns no século VIII.

En época medieval levantarase aquí unha cidade bañada por augas do Cabe e situada á sombra dun castelo e dun mosteiro que será defendido por robustas murallas e torres defensivas. Todo un forte que pervive desde as súas orixes no actual topónimo.

A Idade Moderna traerá consigo un esplendor derivado da presenza de personaxes como o Cardeal Rodrigo de Castro, mecenas que deixará en Monforte unha das súas obras de arte máis destacadas: o Colexio do Cardeal, de estilo herreriano. Tempo despois, será o VII Conde de Lemos o que continúe a labor iniciada polo seu predecesor, exercendo de mecenas con destacados literatos como Góngora, Quevedo, Lope de Veiga ou Cervantes e doando á cidade unha importante colección de arte sacra que hoxe se conserva no convento das relixiosas Clarisas.

Coa chegada do ferrocarril, Monforte adquire un destacado protagonismo como núcleo estratéxico de comunicacións que lle outorgarán gran dinamismo e bonanza económica, marcando profundamente a súa identidade histórica.

Hoxe Monforte é ademais un destacado lugar de interese turístico. Capital do territorio coñecido como a Ribeira Sacra, a cidade posúe un patrimonio visitable onde destacan a antiga torre da homenaxe do castelo dos Condes de Lemos, os restos da muralla medieval e xudería, o mosteiro de San Vicente do Pino, reconvertido en Parador de Turismo; a ponte vella sobre o río Cabe e unha oferta museística conformada pola pinacoteca do Colexio do Cardeal, onde se conservan obras do Greco; o Museo do Ferrocarril de Galicia; os pazos de Tor e Muíños de Antero, o Museo das casas de Bonecas, o Museo de Arte Sacra das Clarisas e o centro do viño da Ribeira Sacra.

Colegio del Cardenal
Claustro de San Vicente do Pino
Conjunto Monumental de San Vicente do Pino
Río Cabe
Museo del Ferrocarril
Torre del Homenaje
Museo de Arte Sacro de las Clarisas
Centro del Vino

 

E ademais…

*Monforte tamén é lugar de paso cara Santiago. O Camiño de Inverno, que atravesa a Ribeira Sacra lucense, ten nesta cidade uno dos seus fitos fundamentais.

*Entre as festas máis destacadas de Monforte debe mencionarse o seu popular Entroido, o mercado medieval, a mostra de viños da Ribeira Sacra ou as súas festas de San Antonio e as patronais en honra á Virxe de Montserrat.

*O Canón do Sil, un dos espazos naturais máis destacados da Galicia interior, abarca parte do municipio de Monforte. Desde o Miradoiro do Duque poden contemplarse as magníficas ladeiras de vides cultivadas en pendente onde se practica a coñecida como “viticultura heroica”.