A Muralla que nos une

Un gran anel de pedra recíbenos á nosa chegada ao centro histórico de Lugo. Aquí, nas cotas máis altas da cidade, unha impoñente muralla romana álzase imperturbable ao paso do tempo.

Construída entre os séculos III e IV da nosa era, nun momento convulso para o imperio romano, a muralla constitúe un auténtico modelo desde o punto de vista construtivo, xa que no seu deseño seguíronse os canóns marcados por un dos principais tratados de arquitectura da época. A estrutura da muralla, situada orixinalmente entre un foso e un corredor interior ou  intevallum, xunto cos materiais empregados na súa construción, convertérona nun elemento de defensa  perdurable no tempo e practicamente imbatible. O deseño construtivo, a base dunha sucesión de cubos semicirculares e cortinas, xunto cun enxeñoso sistema de escaleiras de acceso, facían de Lugo unha cidade preparada para resistir ante calquera ataque. 

Coa chegada do século  XIX, a expansión demográfica e urbanística das cidades deu lugar á construción de ensanches que supuxeron a demolición das murallas que encerraban os núcleos históricos. Esta expansión, non obstante, non afectou á muralla de Lugo, que se foi adaptando aos cambios da cidade mediante a apertura de diferentes portas que daban acceso a novos servizos e zonas emerxentes da urbe, circunstancia que permitiu a conservación do monumento ata os nosos días.

Actualmente, a muralla conta con dez portas que permiten entrar e saír do centro histórico da cidade. Destas portas, cinco considéranse orixinais de época romana. Igualmente, dos 85 cubos que inicialmente rodeaban a muralla, consérvanse 63, entre os que destaca a emblemática torre da Mosqueira, que conserva dúas fiestras orixinais. Con todo, a pesar dos cambios que evidencian unha constante adaptación da muralla aos novos tempos, o monumento segue conservando íntegro o seu perímetro, circunstancia que o fai único no mundo.

A Muralla de Lugo foi declarada Patrimonio Mundial da Humanidade no ano 2000, un recoñecemento ao seu significado e á súa traxectoria como testemuña de excepción no desenvolvemento histórico e urbanístico da cidade que creceu e evolucionou baixo a sombra dun monumento concibido para a eternidade.

Hoxe a muralla segue xogando un papel esencial na cidade de Lugo, aínda que a súa función social substituíu á defensiva, converténdoa nunha realidade inseparable da vida cotiá de todos os lucenses.

 

Imaxe
Muralla