Castros da provincia de Lugo

 
Os castros son poboados próximos a áreas de gran actividade agrícola ou mineira que están fortificados mediante murallas e foxos presentando planta circular e unha localización estratéxica que reforza o seu carácter defensivo. Teñen as súas orixes ao redor do século VIII a. C., perdurando nalgúns casos ata o século V d. C. Estrutúranse xeralmente nun núcleo central ( croa), onde se dispoñen as vivendas e demais construcións. A croa está protexida por un sistema defensivo onde se adoitan combinar foxos, murallas, parapetos e terrapléns. O conxunto pode complementarse por un ou máis antecastros, que adoitan presentar funcións moi diversas.
 

Castro de Viladonga

 

Castro de Viladonga

Está situado en Castro de Rei, nun promontorio desde onde se domina parte da Comarca da Terra Chá. Viladonga constitúe o prototipo de asentamento castrexo do interior de Galicia. Habitado aproximadamente ata o século V d. C., consta de dous antecastros e croa fortificada onde se organizan as vivendas ao redor de dúas vías de comunicación principais. Os principais restos achados nas escavacións expóñense no seu museo arqueolóxico.

Información:

Teléfono de contacto: 982 87 01 60

www.aaviladonga.es / museo.viladonga@xunta.es

Castro de Fazouro

 

Castro de Fazouro

Está situado no municipio de Foz e é o único escavado no litoral cantábrico. Foi habitado entre os séculos I e III d. C. Actualmente só se conserva da súa estrutura orixinal un conxunto de nove construcións, xa que a erosión mariña provocou a desaparición dunha parte considerable do conxunto orixinal.

zoñán

 

Castro de Zoñán

Situado nunha ladeira sobre o val onde se asenta o casco urbano de Mondoñedo, localización que lle permitía ter control sobre unha zona moi ampla. 
Caracterízase por ser o primeiro castro escavado en Galicia no ano 1867, traballos que non se retomarían ata o ano 2002. Datado entre os séculos I e V d.C, presenta diferentes estruturas entre as que se encontran vivendas, pequenas rúas que as comunican e eiras nun moi bo estado de conservación.

 
 

Castro de Castromaior

 

Castro de Castromaior

Atópase no municipio de Portomarín, xunto ao Camiño de Santiago, e está considerado un dos castros máis relevantes da Idade do Ferro no Noroeste peninsular. O conxunto destaca pola súa monumentalidade, contando cun recinto principal e outros cinco secundarios que o prolongan cara ao leste e o oeste.

Castro Candaz

 

Castro Candaz

No municipio de Chantada, este peculiar castro datado de época romana atópase parte do ano mergullado baixo as augas do encoro de Belesar.

 

Castro de Fión

 

Castro de Fión

Sitúase na parroquia de Arxeriz, no municipio do Saviñao, sobre un espolón rochoso con vistas ao mítico meandro do Cabo do Mundo, no río Miño, e a outros castros situados na zona.

 

Castro da Torre
Castro de Santa María
Castro de San Lourenzo
Castro da Torre

 

Castros mineiros

Nos municipios da montaña lucense atopamos numerosos asentamentos utilizados para albergar aos traballadores das explotacións auríferas romanas. É o caso do castro de San Lourenzo da Cereixa, na Pobra do Brollón e o castro de Santa María de Cervantes, reutilizados como necrópoles medievais, ou os castros de Vilar e A Torre, no Courel.

 

Castro de Barán

Está situado no municipio de Paradela e está formado por dúas terrazas, unha croa e un foxo. Destaca o seu estudado plan urbano e a súa contorna, nas inmediacións dun frondoso souto de castiñeiros.