Fazouro: o castro que mira ao mar

Unha pequena península no Cantábrico acolle hoxe os restos do castro de Fazouro, Ben de Interese Cultural situado no municipio de Foz e datado entre os séculos I e III d. C.

Neste lugar, a forza erosiva da incesante oleaxe reduciu nas últimas décadas as dimensións deste poboado fortificado, testemuña da intensa ocupación humana que experimentou A Mariña Lucense durante a romanización, unha ocupación que sería reforzada por unha importante actividade comercial e mineira na que tamén xogarían un papel protagonista outros asentamentos similares distribuídos ao longo da costa e que ou ben desapareceron, pervivindo unicamente na toponimia, ou ben se atopan pendentes de estudo.

Os restos que actualmente se conservan do castro de Fazouro correspóndense coa súa última etapa de ocupación (s. III). O seu coñecemento débese ás campañas de escavación realizadas nos anos 60 e 80 do século  XX que sacaron á luz un conxunto de nove vivendas agrupadas en unidades familiares. Todas elas, excepto unha, presentan forma predominantemente cadrangular conservándose no seu interior restos de bancos e fogares. Durante os traballos atopáronse ademais restos de obxectos domésticos de cerámica (potas e fontes, fundamentalmente) e metal (unha  fíbula, alfinete de pelo e moeda) así como restos de gando vacún, aínda que non cuncheiro, cuxa presencia é habitual nos castros costeiros, xa que probablemente en Fazouro xa desaparecería pola acción do mar.

O castro de Fazouro pode visitarse libremente todos os días do ano, o que permite coñecer de preto a forma de vida e a cultura dos antepasados que ocuparon un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes da provincia de Lugo.

Fazouro