Souto da Retorta: o bosque dos xigantes

Na parroquia de  Chavín do municipio mariñán de Viveiro atopamos unha soberbia e singular formación botánica: o Souto da Retorta ou eucaliptal de  Chavín. Este bosque, cuxa plantación iniciouse en torno ao ano 1880, álzase na contorna xa próxima á desembocadura do río Landro na ría de Viveiro, espazo integrado na Rede Natura 2000 como Zona de Especial Conservación. 

No pasado, os terreos que hoxe ocupa este eucaliptal centenario albergaron algunhas das máis míticas factorías da historia de Viveiro: o complexo industrial Barro-Chavín, propiedade do mindoniense precursor da industria automobilística galega, José Barro González. Este recoñecido e innovador empresario, quen por 35.000 pesetas da época adquiriu a antiga fábrica de lenzos,  velames e lonas  Bassols e Compañía, fundou aquí o seu particular imperio formado por unha fábrica de luz, e, posteriormente, tecidos, carrocerías e recambios cuxa puxanza situaría a Viveiro no mapa da Galicia industrial.

As constantes inundacións que sufría este lugar debido ás frecuentes crecidas do río, afectando á actividade diaria das fábricas, derivaron na necesidade de plantar eucaliptos que axudasen a  drenar o terreo. Foi así como pouco a pouso se foron plantando os aproximadamente 600 eucaliptos que compoñen o Souto da Retorta, algúns considerados actualmente como os máis grandes de Europa polas súas sobrecolledoras dimensións. Entre todos estes exemplares sobresae o popularmente coñecido como “O Avó de Chavín”, grandioso eucalipto que excede os 60 metros de altura e que alcanza un volume de 73  m3.

O  eucaliptal de  Chavín foi declarado no ano 2000 Monumento Natural e está incluído no catálogo de árbores singulares de Galicia como formación singular. Os seus sinxelos accesos convídannos a adentrarnos neste espazo natural para cruzar as súas pontes, percorrer os camiños paralelos ás súas canles ata a fervenza do salto do can, cargarnos de enerxía e deixarnos sorprender a cada paso por un auténtico milagre da natureza.

 

retorta