Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón

Declarada pola UNESCO no ano 2007, esta Reserva da Biosfera reparte o seu territorio entre as comunidades galega e asturiana, cunha superficie total de 158.883 Ha, das cales 108.007 intégranse nos municipios lucenses de Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, A Pontenova, Trabada e Ribadeo.

O Río Eo, desde o seu nacemento en Fonteo (Baleira) ata a súa desembocadura no Cantábrico entre Galicia e Asturias, configúrase como o fío condutor que dota de unidade a un mosaico de sistemas ecolóxicos representativos da rexión biogeográfica atlántica visibles na súa área de influencia.

Dentro das unidades morfolóxicas da Reserva, sobresaen os dous quilómetros de rasa cantábrica, antiga plataforma de abrasión mariña emerxida, as serras litorais que forman o bordo setentrional da meseta lucense e a altiplanicie da Fonsagrada cos seus encaixados vales fluviais.

Dentro das características biolóxicas da Reserva, destaca o dominio de masas forestais, que ocupan o 40% do territorio galego e asturiano, seguido de matogueiras secas (33%), humidais naturais como a ría de Ribadeo e artificiais como o encoro de Salime.

Da súa variada flora e as súas ben conservados bosques, destacaremos a presenza de faiais acidófilos, bosques mixtos, carballeiras, soutos de castiñeiros, bosques de ribeira e alcornocais na zona de Negueira de Muñiz. Nas súas zonas de maior fraxilidade ecolóxica sitúanse os espazos Rede Natura 2000. É o caso do curso medio e final do Eo, o bosque da Marronda, o bosque de Carballido, Negueira e a praia das Catedrais.

Pero se os seus valores paisaxísticos son máis que innegables, non o é menos a súa riqueza cultural, con representativas mostras que abarcan desde as pegadas dos primeiros poboadores do territorio, con xacementos arqueolóxicos tan representativos como o de Louselas (Ribadeo), pasando por numerosos exemplos de arquitectura megalítica e castros. Especial mención merece o patrimonio arquitectónico relixioso, civil e etnográfico, con expoñentes como as igrexas de Arante e a Devesa, o santuario de Conforto ou a igrexa de Lamas de Moreira na Fonsagrada. Dentro do patrimonio civil sobresaen as casas indianas de Ribadeo e pazos como os de Ibáñez e Cedofeita, o pazo de Terrafeita en Trabada ou o de Vilaxe na Pontenova.

O patrimonio etnográfico deixou importantes mostras en forma de hórreos, pallozas, cortíns e enxeños hidráulicos coma os muíños, batáns, mazos e ferrerías. A presenza do Eo foi desde sempre o elemento condicionante da forma de vida desenvolvida polas comunidades locais, destacando actividades como a pesca, o marisqueo e as labores artesanais de carpinteiros de ribeira e ferreiros, tradicións cuxo legado pervive na actualidade.

 A Reserva da Biosfera é tamén territorio xacobeo debido á presenza dos Camiños Norte e Primitivo, ambos declarados Patrimonio Mundial da Humanidade desde o ano 2015, feito que sen dúbida contribuíu a resaltar o recoñecemento internacional deste espazo.

Playa Os Castros
Ría de Ribadeo
Ría de Ribadeo
Fonteo
Río Eo
Puente Colgante Ribeira Piquín
Seimeira de Vilagocende
Embalse de Salime
Playa de Las Catedrales
Museo Comarcal
Hospital de Montouto- Camino de Santiago
Fornos da Pontenova