Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá

Esténdese ao longo de 53.664 hectáreas das serras orientais lucenses, abarcando os municipios de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. Foi declarada pola UNESCO no 2006.

A Reserva conforma un territorio onde a biodiversidade de ecosistemas vén condicionada polos seus contrastes altitudinais de ata 1600 metros entre as súas maiores elevacións e os seus encaixados vales fluviais como o do Navia, o Ser ou o Rao. Foi a abrupta orografía do medio a que tradicionalmente dificultou o acceso a estas terras e a que, xunto coa súa baixa densidade de poboación, propiciou a conservación das súas paisaxes e a existencia de lugares onde o tempo parece discorrer ao seu propio ritmo.

No que respecta aos hábitas máis característicos da Reserva, sobresaen as masas forestais de especies como castiñeiros, carballos, bidueiros, capudres, acivros e teixos. Especialmente singulares son os faiais como o da Pintinidoira, o aciñeiral de Cruzul e o souto de castiñeiros de Agüeira. A Reserva atesoura tamén zonas de brezais secos e piornales que representan as zonas de matogueira.

Pallozas
Castillo de Doiras
Pallozas
Paisaje de Ancares

A preservación dos espazos naturais permitiu que a Reserva sexa un territorio con condicións que propician a presenza de especies cinexéticas, as poboacións de lobo e especies en grave perigo de extinción como o oso pardo, que foi visto de paso nalgúns lugares da Reserva. No pasado, Os Ancares eran tamén o refuxio do urogalo, ave que pola súa alta vulnerabilidade considérase extinguida na zona.

Dentro do ámbito da Reserva da Biosfera inclúense outros espazos da Rede Natura galega como a ZEC Ancares - Courel ou o espazo natural Cruzul - Agüeira. Ademais, Os Ancares é Reserva Nacional de Caza, Zona de Protección do Oso Pardo, Paisaxe Pintoresca e Zona de Especial Protección de Aves.

Da riqueza cultural do territorio dedúcese a condición dos Ancares como testemuña do paso de civilizacións enteiras desde a Prehistoria. Posteriormente, o legado da romanización remitiranos aos elementos do patrimonio ligados á minería aurífera romana, como o castro de Santa María de Cervantes, e á presenza dunha importante infraestrutura viaria como é a Vía Romana XIX do Itinerario Antonino. Da Idade Media consérvanse tamén impoñentes vestixios como o castelo de Doiras, escenario de lendas que nos falan de princesas encantadas.

Navia de Suarna
Río Navia
Tres Bispos
Ancares
Pallozas
Iglesia de Donís
Hórreos
Bosque dos Grobos. Becerreá

 Dentro das actividades humanas destacan as relacionadas coa explotación dos seus recursos agrícolas, gandeiros e forestais. Así, e á vista da pegada que o home deixou no espazo natural, dedúcese unha extraordinaria capacidade de adaptación ás rigorosidades do clima e a orografía de montaña. Así o testemuñan elementos de arquitectura popular como os hórreos, os cortíns, os sequeiros e, en especial, as pallozas, vivendas tradicionais de planta circular ou elíptica cubertas con palla de centeo e habitadas conxuntamente por pesonas e gando ata os anos 70. Actualmente, algunhas pódense visitar trala súa conversión en museo constituíndo, sen dúbida, a icona que mellor identifica a estas terras.

Máis información

 Deputación de Lugo

 Telf. 982 227812

ancareslucenses.deputacionlugo.org

ancareslucenses@deputacionlugo.org