Xeodestino Comarca de Lugo - Terras da Ulloa
O xeodestino Comarca de Lugo- Terras da Ulloa está integrado polos municipios de Antas de Ulla, Castroverde, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo, O Corgo e Rábade.
Este territorio abarca algunhas das zonas gandeiras máis punteiras da provincia, o Lugo agrario acolle a un viaxeiro que desexa mimetizarse coa natureza e vivir experiencias forxadas na autenticidade do rural.
Pero Comarca de Lugo - Terras da Ulloa é tamén destino de turismo cultural. O Camiño de Santiago e lugares emblema da gastronomía galega, bríndannos a oportunidade de facer un percorrido pola Historia.
NATUREZA
Se hai un recurso que está presente neste xeodestino, ese é a auga… un compendio de riqueza natural que forma paisaxes onde o ser humano soubo aproveitar o seu enxeño para labrarse un modo de vida propio. Terra de muíños, mazos, ferrerías, caneiros... a Reserva da Biosfera Terras do Miño, declarada pola UNESCO no ano 2002, esténdese pola maioría de municipios que compoñen este xeodestino, erixíndose como o mellor recoñecemento ao seu legado ambiental e cultural.
O Miño é o gran fío condutor que dota ao territorio de riqueza e identidade propia e forma espectaculares paisaxes de auga en contornas como a das Insuas do Miño en Rábade e Outeiro de Rei.
No que respecta ao patrimonio termal, as augas mineromedicinais do balneario de Palas de Rei pon o broche de ouro a unha oferta turística perfecta para gozar sen présas.
PATRIMONIO CULTURAL
A herdanza patrimonial desta parte da provincia de Lugo está marcada polo paso de civilizacións enteiras que nos deixaron auténticos tesouros neste territorio.
A Comarca de Lugo - Terras da Ulloa é tamén territorio xacobeo. Dous Camiños de Santiago declarados Patrimonio da Humanidade (Primitivo e Francés) atravesan o xeodestino balizados por importantes elementos do patrimonio monumental.
Dentro da arquitectura relixiosa poden visitarse importantes monumentos como a igrexa de San Salvador de Vilar de Donas e o mosteiro de Ferreira de Pallares.
Papel importante xoga tamén o patrimonio civil e militar, con notables exemplos como o castelo de Pambre.
No que respecta á oferta museística do xeodestino destacan o Museo Provincial de Lugo, o museo de San Paio de Narla, o museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e o museo do castro de Viladonga.
GASTRONOMÍA
Entre os produtos gastronómicos por excelencia do xeodestino Comarca de Lugo -Terras da Ulloa atópanse os ligados á súa economía agrícola e gandeira, sendo de especial mención os que contan con Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida. Entre estes destacan a pataca, os grelos, o capón de Vilalba, o pemento de Mougán e os queixos de San Simón da Costa e Arzúa- Ulloa.
FESTAS DE INTERESE
No calendario festivo do xeodestino Comarca de Lugo-Terras da Ulloa atopamos citas tan imprescindibles como o festa do pemento de Mougán, a feira do queixo e do pan de Ousá en Friol, a feira do queixo da Ulloa ou encontros multitudinarios xa declarados de Interese Turístico como a feira de Santos de Monterroso.
Preme nas seguintes ligazóns para acceder ás webs de Turismo municipais:
Antas de Ulla Castroverde O Corgo Friol Guntín Monterroso Outeiro de Rei Palas de Rei O Páramo Rábade