A Ribeira Sacra Lucense en familia

Na contorna dos profundos vales do Sil e do Miño, a espectacular paisaxe da Ribeira Sacra, xunto coa súa oferta turística para todos os públicos, fan deste destino un referente do turismo rural e cultural onde natureza, a arte románica e a viticultura danse a man para conformar o segredo mellor gardado da Galicia interior.

A visita á Ribeira Sacra Lucense pode organizarse seguindo o curso dos seus ríos principais, onde atoparemos interesantes alternativas que permitirán combinar descanso e a diversión sen présas. En ambos  casos, é recomendable iniciar o percorrido na cidade de Monforte de Lemos, capital da Ribeira Sacra, que conta cunha variada oferta museística que se concibiu pensando tamén nos máis novos. Espazos culturais como a Torre da Homenaxe do Castelo dos Condes de Lemos, o Museo do Ferrocarril de Galicia, o Museo Casas de Bonecas, os Pazos de Tor e Muíños de Antero ou o Centro do Viño levarannos a vivir unha experiencia sensorial que nos axudará a coñecer en profundidade aspectos da historia e da economía do territorio, así como iniciativas máis actuais.

Dende Monforte de Lemos ata a Ribeira Sacra ofrécenos unha dobre alternativa para gozar da súa paisaxe:

A primeira opción pasa por seguir a contorna do Río Miño dende Monforte de Lemos. Para iso tomaremos a Nacional 120 desviándonos á altura de Guítara e continuando dirección Marce, onde atoparemos a espectacular fervenza de Auga Caída, un enorme salto de auga formada polo regato de Marce ou Aguianza cuxo acceso foi acondicionado con pasarelas de madeira.

Voltando sobre os nosos pasos, seguiremos a estrada dirección Escairón para deternos en Fión. Aquí gozaremos das incribles vistas sobre o Miño que nos ofrece o miradoiro do Cabo do Mundo, que tamén poderemos observar desde a privilexiada atalaia do castro de Fión. Para finalizar a nosa parada visitaremos o Ecomuseo de Arxeriz, un espazo para descubrir de forma amena a esencia da cultura fluvial da Ribeira Sacra, a espiritualidade da súa arte románica ou a tradición vinícola que cerne a súa identidade. O Museo conta con numerosos recursos didácticos aos que se suma a exposición de obxectos orixinais como embarcacións tradicionais, artes de pesca ou útiles para o traballo nas adegas.

Dende Fión descenderemos en coche ata o Miño para facer unha parada na Praia da Cova, onde un reconfortante baño animaranos a seguir ata o pobo de Belesar, dende onde parte un catamarán que suca as augas do Miño. Da man dun guía que nos acompañará nesta travesía, navegaremos sobre aldeas asolagadas e descubriremos máis detalles sobre a cultura do viño e sobre a historia recente da zona, moi marcada pola construción dos encoros.

A segunda alternativa é seguir desde Monforte a Estrada LU-903 hacia  Doade, onde ademais de visitar adegas é posible realizar unha ruta entre vides no tren turístico que nos achegará á lendaria ladeira de Amandi. Finalizado o percorrido en tren, é hora de aproximarse á paisaxe do Canón do Sil, coñecido como os “Fiordos Galegos”, pero esta vez a bordo dun catamarán que, partindo do embarcadoiro de Doade, navegará entre vertixinosas vides onde se practica a denominada “viticultura heroica”, aproximándonos tamén ao rochoso e máis estreito desfiladeiro do Canón.

A visita a este espazo natural compleméntase coa posibilidade de facer un percorrido en coche polos miradoiros que se asoman ao Sil dende diferentes puntos e como non, coa visita a un dos centros de produción da tradicional olería de Gundivós que se manteñen en activo e onde poderemos presenciar o proceso de elaboración destas singulares pezas de cor negra.

Pero as oportunidades que nos brinda a Ribeira Sacra van moito máis alá destas propostas básicas, xa que entre outras opcións, organízanse actividades que permiten vivir en destino auténticas experiencias integrais: viaxes en globo, rutas do románico, paseos en kaiak, ou mesmo o scape room ao aire libre "Búskalo en la Ribeira Sacra", ideal para coñecer de forma lúdica e en pequenos grupos familiares a historia, o patrimonio e as lendas da Ribeira Sacra.

Torre do Homenaxe
A Cubela
Catamarán
Doade