Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente impulsará a integración do románico da Ribeira Sacra na rede de Itinerarios Culturais Europeos

José Tomé Roca
Ribeira Sacra
Rede Itinerarios Culturais Europeos
Xornadas Románicas
Xornadas Románico
José Tomé subliñou que así se logrará “recoñecer de xeito exponencial o patrimonio da zona e ofrecer un valor engadido aos peregrinos do Camiño”

O mandatario provincial anunciou esta medida na inauguración das xornadas A Importancia do románico no Camiño de Inverno, que organiza a Fundación Juana de Vega no Parador de Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, anunciou este venres durante o acto de inauguración das xornadas A Importancia do románico no Camiño de Inverno organizadas pola  Fundación Juana de Vega no Parador de Monforte que o organismo provincial liderará e impulsará a integración do románico da Ribeira Sacra na rede de Itinerarios Culturais Europeos, unha iniciativa do Consello de Europa para crear un vínculo entre a cidadanía e o patrimonio.

Tomé argumentou que, “por unha banda, lograríamos recoñecer de xeito exponencial o patrimonio cultural e natural da zona e, pola outra, ofrecer un valor engadido aos peregrinos do Camiño”.

O mandatario provincial puxo en valor a organización das xornadas do románico, en tanto que “concordan co noso compromiso de impulsar o sector turístico a través da promoción do territorio”. Así, o Presidente destacou que unha das liñas de actuación fundamentais dos Orzamentos que se están a elaborar para o ano 2020 “é precisamente a promoción dos nosos recursos patrimoniais, nomeadamente o Camiño de Santiago, pero tamén todos os atractivos naturais, históricos e culturais cos que conta a nosa provincia” e lembrou que “na Ribeira Sacra temos unha das maiores concentracións de románico de Europa, o que supón unha enorme riqueza cultural”.

Tomé recalcou así mesmo que a Deputación de Lugo traballará para que a provincia teña un papel central de cara ao Xacobeo 2021 e poida aproveitar o enorme potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño. Tamén lembrou que o ente provincial traballa para culminar a aspiración de que a Ribeira Sacra sexa Reserva da Biosfera e Patrimonio da Humanidade, e que foi precisamente a institución lucense a que promoveu o movemento de respaldo da candidatura a Ben Mundial no ano 2011. Naquel momento, recordou o Presidente, púxose en marcha un autobús que recollía sinaturas e posteriormente, xunto coa Deputación de Ourense, encargouse un estudio á USC.