O Presidente impulsará a integración do románico da Ribeira Sacra na rede de Itinerarios Culturais Europeos
O mandatario provincial anunciou esta medida na inauguración das xornadas A Importancia do románico no Camiño de Inverno, que organiza a Fundación Juana de Vega no Parador de Monforte
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, anunciou este venres durante o acto de inauguración das xornadas A Importancia do románico no Camiño de Inverno organizadas pola Fundación Juana de Vega no Parador de Monforte que o organismo provincial liderará e impulsará a integración do románico da Ribeira Sacra na rede de Itinerarios Culturais Europeos, unha iniciativa do Consello de Europa para crear un vínculo entre a cidadanía e o patrimonio.
Tomé argumentou que, “por unha banda, lograríamos recoñecer de xeito exponencial o patrimonio cultural e natural da zona e, pola outra, ofrecer un valor engadido aos peregrinos do Camiño”.
O mandatario provincial puxo en valor a organización das xornadas do románico, en tanto que “concordan co noso compromiso de impulsar o sector turístico a través da promoción do territorio”. Así, o Presidente destacou que unha das liñas de actuación fundamentais dos Orzamentos que se están a elaborar para o ano 2020 “é precisamente a promoción dos nosos recursos patrimoniais, nomeadamente o Camiño de Santiago, pero tamén todos os atractivos naturais, históricos e culturais cos que conta a nosa provincia” e lembrou que “na Ribeira Sacra temos unha das maiores concentracións de románico de Europa, o que supón unha enorme riqueza cultural”.
Tomé recalcou así mesmo que a Deputación de Lugo traballará para que a provincia teña un papel central de cara ao Xacobeo 2021 e poida aproveitar o enorme potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño. Tamén lembrou que o ente provincial traballa para culminar a aspiración de que a Ribeira Sacra sexa Reserva da Biosfera e Patrimonio da Humanidade, e que foi precisamente a institución lucense a que promoveu o movemento de respaldo da candidatura a Ben Mundial no ano 2011. Naquel momento, recordou o Presidente, púxose en marcha un autobús que recollía sinaturas e posteriormente, xunto coa Deputación de Ourense, encargouse un estudio á USC.