Ribeira Sacra: o lugar de maior concentración de  románico rural de Europa

O  románico é o estilo artístico europeo que en Galicia se desenvolveu desde o século  XI ata o  XIII. A súa abundante presenza na contorna dos vales fluviais do Sil e do Miño entre as provincias de Lugo e Ourense atópase ligada á proliferación de numerosos cenobios en época medieval, o que fai que este territorio se coñeza como Ribeira Sacra, unha denominación que ten a súa orixe nun documento datado do 1124 no que Teresa de Portugal realiza unha doazón ao Mosteiro ourensán de Montederramo.

O  románico da Ribeira Sacra caracterízase polo seu desenvolvemento tardío, debido ao carácter afastado do territorio  dos grandes centros de produción artística que, con todo, lograrán exercer unha influencia esencial no seu desenvolvemento: é o caso da catedral ourensá e da escola do Mestre  Mateo, autor do pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.

A extraordinaria proxección que acadou a arte  románica na Ribeira Sacra e o razoable bo estado de conservación das igrexas, a pesar de avatares históricos como a Desamortización de  Mendizábal, permite falar do  románico como símbolo de identidade da Ribeira Sacra, onde se atopa a maior concentración desta arte a nivel europeo na súa versión rural. Unha arte que ilustra á perfección as pegadas de xeracións enteiras e o intercambio de valores humanos a través dalgo que vai máis aló dunha manifestación puramente estética na que todos os elementos, tanto a nivel arquitectónico como decorativo, posúen un significado.

O  románico é por tanto unha forma de contemplar o universo e o imaxinario medieval a través dos ollos dos mestres canteiros. Unha ferramenta doutrinal e didáctica que busca explicar as orixes do Home e a dicotomía entre o ben e o mal a unha sociedade na que a relixión dominaba todos os ámbitos da vida.

 

rs