Os  Grobos, un bosque de conto

Entre os municipios de Becerreá e As Nogais esténdese a Zona de Especial Conservación  Cruzul-  Agüeira, espazo natural situado na contorna do curso do Navia e dalgúns dos seus afluentes e integrado na Rede Natura 2000.

Neste lugar atopamos, por unha banda, o  aciñeiral de  Cruzul, cuxa singularidade vén dada pola súa propia situación, nunha ladeira montañosa de forte pendente e sobre unha franxa de rochas calcáreas. Aquí xérase un  microclima con boas condicións para o desenvolvemento de especies de bosque mediterráneo que fan desta formación o bosque de aciñeiras situado máis ao norte de Galicia.

Por outra banda, aos pés do souto de castiñeiros de  Agüeira, sitúase o coñecido bosque dos  Grobos, onde sobresaen impoñentes  afloracións de rocha calcaria modeladas pola humidade que dan a este lugar un ambiente case máxico. Neste labirinto de rochas kársticas pódese gozar dun colorido espectáculo de contrastes propiciado polo xogo de luces e sombras que logran penetrar entre os pasadizos e a densidade dunha vexetación que convida a adentrarse nun universo paralelo.

Moi preto deste espazo natural levantouse a ponte sobre o río  Cruzul, no trazado da Nacional VI. Construída por Carlos  Lemaur en época do Rei Carlos III, esta obra reforzou o carácter do municipio de Becerreá como lugar estratéxico de conexión de Galicia coa Meseta e foi testemuña de episodios das guerras napoleónicas e da chegada de Isabel II a Galicia.

Grobos