Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación opta a un plan do Ministerio de Turismo de ata 3M€ para impulsar o xeodestino Ancares-Courel

xeodestino ancares-courel
turismo
presidente
Pilar Garcia Porto
O Presidente, xunto á Deputada de Turismo, explicou aos alcaldes e alcaldesas dos 13 concellos deste territorio a decisión da institución provincial de presentar unha candidatura ao Programa de Plans de Sostibilidade Turística en Destino promovido polo Goberno do Estado para fortalecer o sector ante os efectos da pandemia

“Cremos que esta parte da provincia non se podía quedar fóra desta importante oportunidade para favorecer o seu desenvolvemento turístico, social e económico”, afirmou o Presidente, tendo en conta que a Xunta promove proxectos para os xeodestinos da Mariña e da Ribeira Sacra

No caso de que a proposta para Ancares-Courel resulte unha das beneficiadas, firmarase un convenio entre a Secretaría do Estado de Turismo, a Xunta e a Deputación, que será a encargada de xestionar o investimento en tres anos

Oficinas de turismo, rutas cicloturísticas, sistemas de recollida de datos e dixitalización, xornadas temáticas, formación e apoio a emprendedores ou acondicionamento e melloras en equipamentos son algunhas das medidas recollidas no proxecto

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, avanzou este martes  aos alcaldes e alcaldesas dos 13 concellos que conforman o xeodestino Ancares-Courel nun encontro celebrado no Salón de Actos do Pazo de San Marcos que a institución provincial optará a un plan do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo que pode reportar un investimento de ata 3M€ para impulsar este territorio da provincia.

Trátase do Programa de Plans de Sostibilidade Turística en Destinos, “un dos instrumentos de colaboración e cogobernanza entre administracións que habilitou o Goberno do Estado para favorecer a reconstrución da economía do país, neste caso, do sector do turismo, ante os efectos da pandemia da Covid-19”, explicou o Presidente. 

José Tomé explicou que a Xunta está promovendo candidaturas a estes fondos para o xeodestino da Mariña, para o que contactou coa Mancomunidade de Municipios desta comarca; para a Ribeira Sacra, para o que conta co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; e para Ourense Termal, en colaboración coa Deputación ourensá. O Xeoparque Mundial das Montañas do Courel está traballando tamén nunha candidatura propia. 

"Tendo en conta todo isto, dende a Deputación detectamos que quedaba unha ampla parte do territorio da provincia descuberto, entre O Courel e A Ribeira de Piquín. Polo tanto, para complementar as propostas que promove a Xunta, decidimos presentar unha candidatura propia para conseguir un Plan de Sostibilidade Turística en Destino para o xeodestino Ancares-Courel. Cremos que esta parte da provincia non podía quedar fóra desta importante oportunidade para favorecer o seu desenvolvemento turístico, social e económico, e por extensión, o de toda a provincia”, subliñou José Tomé.

Os municipios que integran este enclave son A Fonsagrada, As Nogais, Baleira, Becerreá, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela e Samos.

“Estamos a falar do espazo natural máis grande de Galicia; un referente internacional en conservación e xestión ambiental, incluído na Rede Natura 2000, Reserva da Biosfera, Reserva Nacional de Caza, Zona de Especial Protección do Oso Pardo e Paisaxe Pintoresca”, asegurou o Presidente, quen considera que o xeodestino turístico Ancares-Courel “ten unha entidade propia, unha personalidade moi marcada, e unhas fortalezas aínda máis importantes neste contexto de pandemia: turismo de natureza, de valor engadido, de experiencias, non masificado, que pon en valor e coida o territorio e que contribúe ao seu desenvolvemento sostible”.

Por todo isto, “cando menos, dende a Deputación vamos intentar conseguir este Plan do Goberno do Estado para visibilizar, reforzar e consolidar o destino turístico dos Ancares-Courel, porque entendemos ademais que é unha boa maneira para crear emprego e fixar poboación”, afirmou José Tomé.
O Presidente recalcou que a Deputación fai “esta aposta decidida por aproveitar estes fondos presentando un proxecto para os concellos dos Ancares e do Courel porque cremos que este territorio non se podía quedar fóra desta importante oportunidade, pero tamén porque así favorecemos o equilibrio territorial, unha prioridade para o Goberno da Deputación, e porque este Plan de Sostibilidade coincide plenamente coa política en materia de turismo que vimos facendo na Deputación dende hai anos: un turismo sostible e de calidade”.

“Está claro que o turismo e a hostalería son dos sectores máis afectados pola crise económica provocada pola pandemia e por iso dende a Deputación queremos apoialos con todos os recursos que estean ó noso alcance. Creo que esta é unha boa forma de facelo”, afirmou.

Actuacións do Plan de Sostibilidade Turística Ancares-Courel
A Deputada de Turismo explicou que o Plan contará cun paquete de medidas e actuacións que xurdiron dos propios axentes do territorio e dos técnicos de Turismo da Deputación, “e que buscan adaptar as estratexias ás novas demandas e preferencias dos consumidores para facer a contorna de Ancares-Courel máis competitiva, ante a actual crise do sector”. Entre esas medidas están potenciar o desenvolvemento de novos produtos turísticos, a implantación de sistemas de calidade, novas redes de oficinas de turismo e sistemas de recollida de datos, dixitalización e melloras en webs e redes sociais, promover xornadas temáticas, formación e apoio a emprendendores e establecementos locais. Así mesmo, o proxecto inclúe a creación de novas rutas ciclo turísticas, acondicionamento de camiños, melloras en equipamentos públicos, dotación de mapas e audioguías, potenciar o Camiño Primitivo, Francés e a Vía Küning, así como o turismo científico, etnográfico e literario. 

A candidatura presentarase o xoves
Pilar García Porto informou de que se remitirá este mesmo xoves o proxecto á Xunta para que valore a proposta e a envíe á Secretaría de Estado de Turismo, que é a administración encargada de decidir que iniciativas son as beneficiadas. No caso de selo, firmarase un convenio entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Xunta e a propia Deputación. Será a institución provincial a encargada de xestionar un investimento que pode chegar ata os 3 millóns de euros nun período de tres anos. O Estado achegará entre o 40 e o 45% do financiamento, entre outro 40 e 45% a Xunta e dun 10 a un 20% a Deputación.