Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación apoia ás XII Xornadas Estase Cocendo polo seu impulso ao turismo

turismo
gastronomía
Ribeira Sacra
A Deputación de Lugo apoia ás XII Xornadas Estase Cocendo polo seu impulso ao turismo
O Presidente participou na presentación da cita gastronómica, na que, desde este sábado e ata o 22 de marzo, máis de 60 establecementos hostaleiros da APEHL ofrecerán tapas especiais e menús de cocido en 10 concellos do sur da provincia

José Tomé salientou que “iniciativas coma esta, ademais de contribuír a xerar riqueza emprego coa combinación de turismo, patrimonio e gastronomía, son unha peza máis á hora de reclamar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade”

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou este venres, no Centro do Viño Ribeira Sacra de Monforte de Lemos, na presentación das XII Xornadas do Cocido de Entroido da Ribeira Sacra Estase Cocendo,que desenvolverá a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo (APEHL), coa colaboración da institución provincial, desde este sábado e ata o 22 de marzo.

Máis de 60 establecementos hostaleiros de 10 concellos do sur da provincia de Lugo participarán na nova edición de Estase Cocendo ofrecendo tapas especiais e menús de cocido. O programa complétase con visitas guiadas gratuítas por Monforte de Lemos, rutas a cabalo ou quedadas de motos, entre outras actividades de ocio.  As casas rurais e hoteis da zona tamén ofrecerán descontos neste Mes do Cocido de Entroido na Ribeira Sacra. Eduardo Iglesias, o piloto monfortino que finalizou o último Dakar, será o compadre destas xornadas.

O Presidente da Deputación salientou que as xornadas gastronómicas Estase Cocendo combinan “turismo, patrimonio e gastronomía, un eixo que xera riqueza económica e emprego. Son elementos que se reforzan os uns ós outros. Unha boa oferta cultural e de ocio atrae un turismo de calidade, que á vez demanda unha oferta gastronómica de altura. E unha hostalaría como a da nosa provincia, que coida o produto, as receitas e ó cliente, supón un acicate para atraer novos visitantes”.

“Iniciativas como esta”, subliñou, “son tamén unha peza máis á hora de reclamar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Unha iniciativa posta en marcha pola Deputación de Lugo no ano 2011 e que contou dende o principio coa colaboración e o respaldo da Asociación de Hostaleiros”.

Programa de actividades

Para animar á xente a participar nestas xornadas de degustación do cocido o programa complétase con diversas actividades de ocio, entre as que destacan as visitas guiadas e gratuítas por Monforte de Lemos todos os sábados, ás 11:00, do 29 de febreiro ata o 21 de marzo. O 14 de marzo organizarase o cocido de meigas con actuación de batucada e obradoiros para nenos. O 21 de marzo haberá quedadas de motos para facer rutas pola Ribeira Sacra e O Courel. Para participar nestas actividades é necesario facer reserva previa no teléfono 982.412.050. Tamén, do 22 de febreiro ao 22 de marzo,  poderase reservar rutas a cabalo con prezos especiais e profesor de equitación no teléfono 630. 426.038.

Ademais dos restaurantes, bares e cafeterías dos concellos de Monforte, Chantada, Bóveda, Pantón, O Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón, Quiroga, Folgoso do Courel e Portomarín, súmanse tamén a esta iniciativa establecementos hoteleiros (casas rurais, hoteis e pensións), que ofrecerán descontos especiais nas estadías durante este mes. Na web www.eparacomerlugo.com pódese consultar os establecementos participantes.
 

A Deputación de Lugo apoia ás XII Xornadas Estase Cocendo polo seu impulso ao turismo