Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación intégrase na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes co fin de atraer máis visitantes á provincia

turismo
destinos turísticos inteligentes
Pilar Garcia Porto
deputada
A Deputación de Lugo intégrase na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes co fin de atraer máis visitantes á provincia
A Xunta de Goberno de hoxe aprobou as obras con urxentes de acondicionamento da estrada LU-P-6604, na parroquia viveirense de Magazos, onde se investirán máis de 50.000 euros para reparar os danos ocasionados polo temporal a semana pasada

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres incorporarse como membro institucional á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, un ente de ámbito estatal que está coordinado pola Secretaría de Estado de Turismo. A voceira do Goberno socialista, Pilar García Porto, explica que se“trata dunha adhesión que non supón ningún compromiso económico pero que si que estamos convencidos de que repercutirá positivamente na chegada de visitantes á nosa provincia, pois faremos de Lugo un destino moito máis atractivo”. 

García Porto insistiu na importancia que ten para a Deputación de Lugo formar parte desta rede que “ten como obxectivo impulsar a innovación e a tecnoloxía no ámbito do turismo en España e contribuír desta maneira a que os destinos sexan máis competitivos”. A voceira do Goberno socialista e tamén titular da área de Promoción do Territorio e Turismo, describiu diferentes iniciativas que se están desenvolvendo neste senso, como a implantación dun sistema de información turística intelixente, a través de plataformas que estarán dispoñibles en diferentes dispositivos portátiles. 

Ademais, “este tipo de accións estanse completando coa instalación dunha rede de sinalización turística intelixente nos Concellos adheridos, unha forma de achegarlle aos visitantes a información turística relevante dun xeito innovador”, sinalou García Porto. “Con estas accións iniciais, evidenciamos que temos un claro interese por apostar e empregar o uso das novas tecnoloxías como ferramenta de consolidación do turismo no territorio. Son unhas actuacións que queremos que se vexan potenciadas grazas a esta integración dentro da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes”, subliñou. 

A día de hoxe forman parte desta Rede de Destinos Turísticos Intelixentes 73 destinos de España, dos cales cinco están en Galicia (Concello de Ourense, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e as Deputacións de Pontevedra e de Ourense). 


Actuación urxente en Viveiro

Na Xunta de Goberno da Deputación de Lugo de hoxe tamén se aprobou unha actuación con carácter urxente para acondicionar a estrada LU-P-6604, en Viveiro, na parroquia de Magazos. Trátase da vía que se viu afectada a semana pasada polo temporal de fortes chuvias e vento que propiciou que se tivera que cortar en dous debido aos desprendementos de terra que impedían o tránsito normal de vehículos por esta zona.

A Deputación investirá 52.732 € na execución desta obra, que fará a empresa adxudicataria dos labores de conservación de estradas nesta zona da Mariña lucense. A voceira do Goberno socialista fixo fincapé na “celeridade coa se deu resposta a este problema sobrevido, por causas meteorolóxicas, pois entendemos que se debe actuar con rapidez para poder restituír a circulación e garantir a seguridade viaria no menor prazo posible”.