O Camiño Primitivo

Hospital de Montouto

 

Percorrer o Camiño Primitivo é seguir os pasos do primeiro peregrino da Historia: o Rei asturiano Alfonso II o  Casto, personaxe clave para incentivar o culto ao Apóstolo Santiago. Leste foi probablemente o Camiño orixinario ata que no século X se consolidou o Camiño Francés.

O itinerario do Camiño Primitivo iníciase en Oviedo, entrando en terras lucense polo Alto  do Acevo, pertencente ao municipio da Fonsagrada, a cuxa capital de municipio –que é a de maior altitude sobre o nivel do mar de Galicia- se chega tras un duro percorrido pola montaña.

Dende A Fonsagrada sucédense as etapas que finalizan no Cádavo e posteriormente en Castroverde, Lugo, San Román da  Retorta e Palas de Rei, municipio onde o Camiño Primitivo conflúe co Francés para posteriormente seguir nun itinerario común ata Santiago.

Os atractivos deste Camiño son tanto de carácter paisaxístico como cultural, destacando entre os principais fitos do seu trazado, ademais da localidade da Fonsagrada, as ruínas do hospital e o dolmen de Montouto, a fortaleza de  Burón (situada nun dos ramais alternativos do Camiño), a torre medieval de Castroverde, o conxunto monumental formado polo pazo de  Vilabade e o convento de San Francisco, a igrexa de  Soutomerille, a cidade de Lugo, co seu centro histórico, a muralla romana e a Catedral de Santa María (ambas declaradas Patrimonio da Humanidade), as igrexas de  Bacurín e San Román da  Retorta, así como as numerosas mostras de arquitectura popular situadas a pé de camiño.