Declarada pola UNESCO no ano 2021, trátase dunha Reserva que se estende no interior de Galicia, comprendendo os concellos de Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela na provincia de Lugo e os concello de Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e a Teixeira na de Ourense.
Estrutúrase sobre os tramos medios das concas do Miño e do Sil, xunto cos distintos rebordes montañosos nos que se embarcan. Cunha superficie total de 306.535 hectáreas (das cales 53.237 son Zona Núcleo); este espazo xeográfico posúe un amplo conxunto de valores do patrimonio natural e cultural. Entre os seus ecosistemas atópanse un gran número de hábitats ameazados no conxunto da Rexión Bioxeográfica Atlántica, así como outros considerados raros ou pouco representativos nesta mesma unidade bioxeográfica, ou incluso para o conxunto da área continental europea. Xunto aos hábitats naturais, o territorio acolle hábitats seminaturais de gran valor ambiental, como os bosques de castiñeiros (Castanea sativa), ou os distintos tipos de sistemas de prados de sega e prados de dente, que serven de sustento a unha rica flora e fauna. As variacións bioxeográficas foron igualmente determinantes para a preservación no teritorio dun rico elenco de fungos, liques, briofitas, plantas vasculares, invertebrados e vertebrados, con moitas especies endémicas, raras ou ameazadas de desaparación no contexto Atlántico ou Ibérico.
A poboación local deste territorio soubo establecer e manter diversos tipos de agrosistemas tradicionais como elementos de gran singularidade ambiental e cultural, como as terrazas (sucalcos ou socalcos), que marcan a paisaxe das áreas próximas aos canóns fluviais, ou os bosques de castiñeiros (soutos), que se mesturan con estes formando extensas biocenose nas áreas montañosas, especialmente da Serra do Courel.