ZEC Río Cabe

Dacabalo entre as rexións biogeográficas atlántica e mediterránea, o río Cabe é un dos recursos naturais que mellor vertebra áreas de gran contraste climático e paisaxístico da provincia de Lugo. Desde o seu nacemento nas montañas do Courel, na denominada “Fonte das abellas”, municipio do Incio, o río atravesa a depresión de Lemos para desembocar no Canón do río Sil, converténdose nun dos maiores tributarios da súa conca.

Ao longo de 56 quilómetros pode percorrerse o sendeiro fluvial coñecido como a ruta do Cabe, a cal transcorre polos municipios do Incio, Bóveda, Monforte de Lemos, Pobra do Brollón, Pantón e Sober. É entre estes últimos municipios, no corazón da Ribeira Sacra, onde o curso do río culmina despois de atravesar impoñentes paisaxes de vides en gran pendente e difícil acceso que fan desta zona uno dos segredos mellor gardados da Galicia interior.

 

 

Imaxe
Río Cabe