ZEC Monte Faro

Con 1187 metros de altitude, a serra do Faro constitúe un dos mellores miradoiros naturais da Galicia interior, o que a converte no teito da Dorsal Galega e no balcón desde onde poder observar o verdadeiro corazón de Galicia.

O espazo natural integrado na Rede Natura abarca os municipios lucenses de Carballedo e Chantada e o pontevedrés de Rodeiro. A súa contorna natural caracterízase pola presenza de masas forestais autóctonas, como bosques de carballos, que alternan coa presenza de campos de cultivo.

No alto do Faro, cada 8 de setembro celébrase unha multitudinaria romaxe na ermida da Nosa Señora. Ademais, por aquí tamén transcorre unha ruta de peregrinación a Santiago, o Camiño de Inverno, que neste lugar se despide de terras lucenses.

Imaxe
Monte Faro