O viño dos heroes

Entre o sur da provincia de Lugo e o norte da Provincia de Ourense, nas vertixinosas ladeiras dos profundos vales fluviais do Miño e do Sil, prodúcese un viño con nome de paisaxe. É aquí, no corazón da Ribeira Sacra, onde a man do home, o clima, a xeografía e as características do chan se  confabulan para crear as condicións óptimas que dan lugar a uns caldos con personalidade irresistible.

Segundo a lenda, a orixe do viño da Ribeira Sacra remóntase á romanización aínda que será na Idade Media, da man das numerosas comunidades relixiosas que se asentarán no territorio, cando a súa produción se consolide.

Na actualidade, a viticultura considérase unha auténtica forma de vida e un verdadeiro motor de desenvolvemento económico do territorio. Desde o ano 1996, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra traballa para garantir a calidade do produto e a súa orixe, ademais de realizar unha promoción que permitiu o recoñecemento internacional destes caldos e con el, a proxección dun territorio que aspira a ser Patrimonio da Humanidade.

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra esténdese por unha superficie dunhas 2500 hectáreas en 12 municipios da provincia de Lugo e 8 da provincia de Ourense. Os diferentes matices xeográficos e climáticos destas localidades plásmanse no recoñecemento de diferentes subzonas de produción: Quiroga-  Bibei, Ribeiras de Sil, Amandi, Chantada e Ribeiras  do Miño. No territorio amparado pola Denominación de Orixe cultívanse variedades de uva autóctona distinguindo entre variedades preferentes tintas e brancas e tintas autorizadas. Con todo, a uva Mencía é a máis cultivada e o seu nome identifícase plenamente cos viños da Ribeira Sacra.

A estrutura de cultivo de viñedo en  bancais que acadan pendentes do 100% nos vales do Sil, é unha característica que nos permite referirnos ao territorio como unha paisaxe cultural, onde a dificultade engadida polo desnivel do terreo fai da viticultura un traballo practicamente manual, só aliviado polo sistema de raís que se instalaron nalgunhas parcelas. Unha labor heroica que ademais contribuíu a crear un lugar onde a beleza é símbolo de identidade.

 

viñedos