San Pedro Fiz de Hospital: o recordo dos templarios

En diferentes lugares da provincia de Lugo existen construcións de gran valor histórico-artístico ligadas á orde  Sanxoanista ou de Malta, cuxa labor estivo tradicionalmente relacionada coa atención aos peregrinos. É o caso de igrexas como San Xoan de Portomarín, o Castelo da Encomenda en Quiroga e a igrexa de San Pedro Fiz de Hospital do Incio.

Esta última igrexa-fortaleza está situada estratéxicamente nunha variante do Camiño de Santiago que unía A Pobra de Brollón, no Camiño de Inverno, e Samos, no Francés. Trátase dunha construción única debido ao material empregado para a súa construción: pedra calcaria e, fundamentalmente, mármore branco extraído das canteiras locais, un trazo que deu lugar ao dito popular Desde O Incio ata Roma outra igrexa de mármore non se atopará.

San Pedro Fiz foi construída entre finais do século  XII e comezos do  XIII en estilo  románico. Situada na antesala das montañas do Courel, da edificación orixinal consérvase un impoñente conxunto formado pola igrexa parroquial, o campanario exento e o antigo hospital. O exterior do templo destaca pola súa sobriedade construtiva e ornamental destacando a portada, enmarcada por  arquivoltas e columnas monolíticas coroadas por capiteis con decoración vexetal. O  tímpano contén unha representación da cruz de Malta, emblema da Orde Sanxoanista.

No interior da igrexa, a súa única nave está rematada por unha ábsida ao que se accede traspasando o arco triunfal de medio punto. Nun dos seus laterais consérvase unha representación da crucifixión de Cristo realizada en pedra e datada do século VI. Entre as imaxes da igrexa destaca unha Virxe co Neno do século  XIV e unha talla de Cristo Crucificado de finais do século  XIII ou principios do  XIV.

A igrexa acolle tamén un  arcosolio onde se atopa o enterramento de Frei Alonso de Quiroga,  comendador do Priorado de Portomarín, cuxa figura aparece representada por unha escultura baixo a que se labraron dous escudos e, novamente, a cruz de Malta.

Incio