ZEC Río Landro

Ao seu paso polos municipios de Ourol e Viveiro, o curso medio e baixo do río Landro sométese á constante influencia das mareas, dando lugar a hábitats únicos formados, entre outros, por estuarios, pasteiros salinos, bosques aluviais de alisos, carballeiras, castiñeiros ou brezais secos e sendo o fogar de numerosas especies de réptiles, mamíferos e peixes como o salmón e a lamprea mariña.

 

No seu tramo final, e antes da súa desembocadura entre a praia de Covas e o porto de Celeiro, o Landro pasa polas inmediacións do Monumento Natural do Souto da Retorta, característica formación singular de xigantescos eucaliptos, para iniciar posteriormente un paseo fluvial que discorre próximo á antiga fábrica de curtidos da Xunqueira (hoxe coñecido centro de produción cerámica) e polo barrio vivariense de Magazos, onde se atopa o convento de Valdeflores.

 

Imaxe
Río Landro