Reserva da Biosfera Terras do Miño

No ano 2002, 363.668,9 ha. da provincia de Lugo encadradas na conca alta do Miño e unha pequena proporción da súa conca media, así como os seus bordos montañosos, foron declaradas pola UNESCO Reserva da Biosfera. Este territorio perfilábase entón como a primeira Reserva da Biosfera de Galicia, sendo tamén actualmente a segunda de maior extensión de España.

Terras do Miño abarca os municipios de Abadín, Alfoz, A Pastoriza, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito, Friol, Guntín, Guitiriz, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, O Corgo, O Páramo, Ourol, Outeiro de Rei, O Valadouro, Pol, Rábade, Riotorto, Vilalba e Xermade.

Nunha paisaxe sempre cambiante onde os usos agrícolas foron compatibles coa conservación do medio, destacan os ecosistemas asociados a superficie de humidais, tanto de montaña como ligados a chairas como a de Terra Chá. Así, a Sierra do Xistral, que marca o bordo norte da Reserva, acolle as únicas representacións de turbeiras de cobertor existentes no extremo meridional de Europa. Por outra banda, a comarca de Terra Chá integra un importante complexo húmido de lagoas como Cospeito, Caque ou Riocaldo, todas elas alimentadas por leitos fluviais en cuxas marxes se desenvolven grandes plantas herbáceas e reliquias botánicas como o cardiño da lagoa.

Non obstante, o Miño é o gran protagonista desta paisaxe e o seu trazado lento e sinuoso regálanos zonas de inmenso valor biolóxico como é o caso das insuas de Rábade e Outero de Rei. A contorna do Miño e dos seus tributarios acolle tamén masas forestais de bosque de ribeira como o da Fervenza, que se asolaga coas enchentes do río. Tamén destaca a presenza de masas forestais de carballos e matogueiras húmidas.

No que respecta á fauna, a calidade das augas dos ríos da Reserva posibilita a existencia de mexillón de río, de lontras e de peixes como o espiñento. A Reserva é fogar para unha gran diversidade de réptiles e insectos e aves acuáticas entre as que sobresaen ata 40 especies habituais e 22 divagantes que se refuxian na contorna dos humidais.

A Reserva inclúe na súa extensión espazos naturais integrados en Rede Natura 2000 que constitúen algunhas das zonas de maior fraxilidade ecolóxica: trátase da Serra do Xistral, o espazo Parga- Ladra- Támoga, a Ría de Foz- Masma e a Serra do Careón.

Dentro do patrimonio cultural sobresae o centro histórico de Lugo, circundado pola súa muralla romana declarada Patrimonio da Humanidade. Destacan tamén asentamentos castrexos coma o de Viladonga, o conxunto tardo-romano de Santa Eulalia de Bóveda, fortificacións como San Paio de Narla ou exemplos de arquitectura relixiosa como a propia Catedral de Lugo, o Mosteiro de Ferreira de Pallares ou a igrexa de Santa María de Meira.

A Reserva é tamén lugar de paso cara Santiago, cos Camiños do Norte e Primitivo. Ámbolos dous aglutinan ao longo do seu trazado un impoñente patrimonio arquitectónico e inmaterial que lles supuxo a súa declaración como Patrimonio da Humanidade.

Os usos humanos tradicionais da Reserva tamén nos permiten identificar un extraordinario patrimonio etnográfico ligado ao uso dos seus recursos naturais e, en especial, ás paisaxes da auga. Muíños, caneiros, mazos, ferrerías e pontes son elementos que nos transportan a unha época na que se deduce unha íntima conexión entre a presenza dos ríos e a vida cotiá dos veciños das súas ribeiras. Na actualidade perviven algúns traballos artesanais como a olería de Bonxe, a cestería ou a elaboración de zocas, que souberon adaptarse ás novas demandas da sociedade.

Terras do Miño é hoxe un territorio eminentemente agrícola e gandeiro, onde a natureza foi xenerosa cos produtos da terra cuxa produción está amparada por Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas. É o caso do Queixo de Tetilla, a Faba de Lourenzá, o Queixo do Cebreiro, a Pataca de Galicia, o Lacón de Galicia ou os Grelos de Galicia, produtos que enchen de sabor o paso por estas terras.

Máis información

Deputación de Lugo (Medio Ambiente- Centro de Interpretación de Terras do Miño)

Telf. 982 227812

terrasdomino.deputacionlugo.org

terrasdomino@deputacionlugo.org

 

 

Pedregal de Irimia
Laguna de Cospeito
Río Rato
Mazo de Santa Comba

 

Molino de A Fervenza
Aguas de Guitiriz
Bosque da Fervenza
Insuas do Miño

 

Paseo Río Rato
Lugo
Mazo de Santa Comba
Castro de Viladonga